Denuncian o uso de mariñeiros sen formación para descargar peixe sen control sanitario no porto de Marín
Por Redacción
A FGAMT-CIG está a tramitar denuncias ante a Inspección de Traballo, da Autoridade Portuaria de Marín e da Consellería de Sanidade para que se investigue unha descarga que este sindicato considera ilegal nas instalacións portuarias de Marín.
Xavier Aboi, secretario comarcal da FGAMT-CIG, afirma que a compañía vasca Echalar iniciaba este xoves a descarga do barco Igueldo, con licenza para pescar nas Malvinas. Segundo este representante sindical, utilizou os seus propios mariñeiros para levar a cabo este traballo de descarga. "Algo que non acontecía en Marín desde hai máis de 50 anos", apunta Aboi, que considera moi grave que desde a Autoridade Portuaria se autorizara esta descarga.
Sinala que esta empresa utiliza persoal sen formación nin titulación para descargar peixe sen control sanitario nin de prevención de riscos, pasando por riba da xente que realiza esa función no porto. Isto, segundo indica Aboi, deixa aos profesionais da estiba, máis de 40 persoas de Marín sen a posibilidade de traballar nunha situación económica tan complicada como a actual.
Critica que desde a dirección da Autoridade Portuaria se permita que as empresas "fagan o que lles dá a gana saltándose a normativa apelando á pandemia da Covid-19".
Desde a CIG reclaman a paralización do buque implicado e que se depuren responsabilidades na dirección da Autoridade Portuaria e da empresa propietaria.