Un policía fóra de servizo responde á petición de axuda "ao ladrón" e dá alcance ao autor dun roubo
Por Redacción
Un axente da Policía Nacional que estaba fóra de servizo logrou o mércores deter un ladrón que acababa de roubar un bolso á clienta dunha tenda. Dúas mulleres gritaron "ao ladrón", o axente escoitounas e saíu tras el, logrando darlle alcance e, ademais, poñer fin a unha investigación que permitiu atribuír a este ladrón varios furtos cometidos nos últimos días.
Os feitos ocorreron sobre as 17.25 horas da tarde do mércores 20 de maio. Tras escoitar o berro das dúas mulleres, o axente botou a correr tras o individuo, que xa estaba a ser perseguido polas dúas mulleres mentres levaba un bolso de muller na man.
O axente interceptouno na confluencia de dúas rúas e, tras identificarse coa súa placa, preguntoulle polo bolso que levaba na man. O sospeitoso confesou tirar o bolso detrás dun coche e levaba na man un moedeiro con 50 euros e unha pitillera que subtraera do interior.
O axente requiriu a presenza dunha patrulla uniformada da Policía Nacional e entregoulle á propietaria o bolso con todas as pertenzas.
O suposto ladrón foi identificado e detido por un delito de furto e, a continuación, trasladárono a dependencias policiais, onde a vítima presentou denuncia polo sucedido.
Este individuo foi identificado como o presunto autor de varios furtos nos dous últimos días, entre eles, a subtracción dun bolso a unha traballadora dun supermercado e varios furtos no interior dun centro hospitalario. Trátase dun veciño da Coruña de 40 anos con antecedentes policiais.