Pontevedra solicita á Xunta que permita abrir os furanchos no verán
Por Redacción & Mónica Patxot
O goberno municipal está disposto a aceptar que os furanchos poidan abrir no verán. Iso si, para poder facelo é necesario un permiso da Xunta que o Concello comprometeuse a solicitar.
Así llo trasladou o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, aos representantes da Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra, Lucía Josefa Gómez e José María Fernández Cortizo, cos que mantivo unha xuntanza este venres.
A ampliación do período de apertura para furanchos e loureiros foi a principal demanda. O período de apertura remata o 30 de xuño pero, a raíz do estado de alarma, estes establecementos apenas abriron, no mellor dos casos, un par de días.
Ante esta situación excepcional, Xaquín Moreda agarda que a Xunta reformule os permisos e permita aos concellos estender o prazo para a actividade dos furanchos mediante unha "habilitación expresa".
Deste xeito, coincide o Concello e o sector, poderán minorarse ou paliarse os efectos da crise provocada pola pandemia do coronavirus, permitindo unha no tempo da súa actividade máis aló dos períodos inicialmente autorizados.
De cara o futuro, destacou o edil de Urbanismo, o Concello introducirá unha modificación na ordenanza municipal para contemplar situacións de excepcionalidade como a actual.