Galicia reforza o control da auga e garante a súa calidade
Por Redacción
Nos últimos meses, a pandemia do coronavirus motivou que a atención da cidadanía se concentrase na preservación da saúde. Con moita responsabilidade, os galegos afrontaron esta situación excepcional poñendo todas as medidas ao seu alcance para evitar a extensión da covid dezanove.
A crise sanitaria devolveu unha mirada cara á saúde das persoas e un esforzo para poder preservala con hábitos e boas prácticas. A Xunta de Galicia e as empresas que prestan os servizos da auga traballan para ofrecer á poboación auga en cantidade e calidade e con todas as garantías sanitarias, realizando un control continuo para as súas óptimas condicións.
AUGA DE CALIDADE GARANTIDA
Grazas ao traballo dos profesionais da auga os cidadáns puidemos seguir consumindo auga corrente con todas as garantías e absoluta tranquilidade.
A auga da billa é segura porque antes de chegar aos nosos fogares sométese a rigorosos tratamentos e controis sanitarios que garanten as súas boas condicións. De modo que, mentres ficabamos confinados na casa, os profesionais especializados e as infraestruturas hidráulicas continuaron a traballar para coidar da calidade das nosas augas.
A Xunta, a través dos técnicos de Augas de Galicia e das empresas colaboradoras, está a intensificar as accións para subministrar auga en cantidade e en calidade, co control e tratamento oportunos. A frecuente toma de mostras e a realización de analíticas permite coñecer a evolución do estado das masas de auga coa fin de mellorar a súa calidade e avanzar tamén no saneamento integral das nosas rías.
COIDADO DOS RECURSOS
Así mesmo, continuaron activos os procedementos destinados a coidar as rías e os ríos aos que se verten as augas domésticas e industriais de Galicia, preservando deste xeito o medio ambiente, o turismo, a pesca, o marisqueo e a acuicultura.
Co obxectivo de blindar os servizos de abastecemento e saneamento durante esta emerxencia sanitaria, tamén a Xunta reforzou a coordinación coas principais empresas públicas e privadas operadoras do sector en Galicia. As empresas especializadas implicáronse ao cen por cen na adopción de medidas para poder seguir cumprindo co seu traballo de asegurar o abastecemento de auga á poboación e velar polo bo estado das rías e dos ríos. Unha responsabilidade cara aos consumidores pero tamén un compromiso coa saúde dos propios profesionais que, debidamente protexidos, cumpriron co seu labor, con todas as medidas de seguridade e sanitarias.
A través de plans de continxencia, con gardas de persoal técnico especializado e remanente de reactivos suficiente para garantir o correcto funcionamento das estacións de tratamento de auga, asegurouse o óptimo estado das augas, non só en calidade, senón tamén en cantidade, para asegurar o subministro na actual emerxencia sanitaria e tamén no futuro, como o recurso básico que é tanto nos fogares como nas actividades industriais e económicas.
Precisamente neste mes de maio anunciouse que A Xunta aumentará a rede de control do caudal dos ríos con especial risco de inundación con 50 novas estacións de seguimento en tempo real, de xeito que Galicia disporá dun total de 93 puntos de control, reforzando a capacidade de predición e resposta ante inundacións e fenómenos de seca, con puntos que facilitan información cada dez minutos sobre a rede fluvial.
Este labor de seguimento e control compleméntase con accións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Sur. A máis recente desenvolveuse nos ríos Umia, Bermaña, Chaín e Rego de Follente, nos concellos de Caldas de Reis e Portas. Estas actuacións consistiron na retirada da canle de árbores, pólas, madeira morta e elementos susceptibles de causar atoamentos e, puntualmente, roza selectiva de maleza e tratamento de canas. Unha vez despexada a maleza posibilítase a circulación fluída das augas nestes ríos.
RESPONSABILIDADE DE TODOS
A presente pandemia tamén demandou un uso dos recursos hídricos de xeito extraordinario para tarefas de limpeza e desinfección. No que atinxe á cidadanía, o lavado de mans converteuse nunha das medidas máis eficaces para combater o coronavirus. Neste sentido, desde a Xunta pídese un compromiso máis aos galegos, de modo que coiden este ben limitado e racionalicen o seu uso. Por exemplo, nas tarefas agrícolas, poñer atención a non malgastar a auga deixando as chaves de paso abertas sen control e respectar todas as indicacións propias do tempo de verán que se achega, como regar os campos nas horas de menos sol para evitar que a auga se evapore rápido e se perda un gran volume deste prezado recurso.
A Xunta lembra tamén os consellos para un consumo doméstico axeitado. Ducharse no canto de bañarse, non deixar a billa aberta ao cepillar os dentes ou fregar a louza, instalar dispositivos de aforro ou reutilizar a auga na medida do posible. Hábitos sinxelos que poden ser crave para conservar este recurso imprescindible. Estas pautas esténdense a todo o ciclo da auga, polo que debemos evitar verter polo desaugadoiro substancias contaminantes ou produtos de hixiene destinados aos contedores de lixo, como os bastóns hixiénicos ou as toalliñas de bebé, que tantos problemas xeran nas redes de sumidoiros e nas estacións depuradoras.
Tanto as estacións depuradoras como as potabilizadoras son cruciais para garantir a idónea prestación dos servizos de saneamento e abastecemento. A Xunta traballa nunha mellora continua destas infraestruturas hidráulicas, de feito, vén de adxudicar a redacción do estudo de compatibilidade co medio mariño do proxecto de mellora de saneamento previsto nos Praceres, na ría de Pontevedra. Deste modo, o Goberno autonómico quere asegurar que as actuacións que está a proxectar para executar o novo emisario submarino da depuradora dos Praceres se adaptan aos obxectivos ambientais e ás estratexias mariñas marcadas pola Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar do Goberno central.