Para eles, os zapatos non quedan fóra
Por Marisa Ciordia & Mónica Patxot
Desde que comezou o estado de alarma ofrecéronse varias recomendacións sobre que facer co calzado co que saímos á rúa. A actual recomendación de Sanidade é quitar os zapatos ao chegar ao domicilio e deixalos preto da porta. Segundo os datos que reporta a Organización Mundial da Saúde o virus SARS- CoV-2 pode sobrevivir ata 72 horas en superficies plásticas; menos en superficies metálicas.
Tendo en conta estas máximas, como están a proceder os zapateiros para realizar as súas reparacións de calzado? Preguntamos nun dos establecementos da capital: non hai ningún protocolo oficial con recomendacións ou pautas para este sector.
"Non nos dixeron absolutamente nada. Entre nós, os zapateiros, imos comunicando e dicindo como facemos uns e outros, pero ninguén nos dixo: cando chegue un cliente ten que facer isto ou aquilo co calzado" explica Jesús Meis, empregado.
Neste caso o procedemento que están a seguir cando reciben un calzado para reparar é, en primeiro lugar, asperxelos cuns produtos desinfectantes específicos e seguidamente apártanse para mantelos durante unhas horas "en corentena" antes de poder realizar a pertinente reparación.
O que lles resulta máis complicado, por non dicir imposible é realizar as reparacións coas luvas postas xa que o seu traballo require o uso de pegamentos e colas "e as luvas inevitablemente quedan pegadas, non duran dous minutos", de forma que están constamente coas solucións hidroalcohólicas mentres manipulan o calzado.
Estes negocios tamén traballan con material metálico, como son as chaves. Estas se rocían con produtos desinfectantes, tanto as que traen os clientes como as novas que son entregadas. Do mesmo xeito que calquera establecemento aberto ao público contan con biombos de protección, xeles hidroalcohólicos e de forma reiterada limpan o mostrador con lixivia.
A súa actividade puideron retomala o pasado luns 11 de maio e desde entón "isto está moi parado, é un desastre. Imaxina que antes do estado de alarma traballabamos todo o día e agora estou a traballar un par de horas; dáme a impresión que para arrincar isto vai custar moito".
Relacionadas:
-
As inmobiliarias xa poden retomar as visitas con clientes a vivendas
Por Redacción |
-
A Cámara de Comercio lanza tres proxectos para estimular a economía
Por Redacción |
-
Os comerciantes achegan as súas propostas ao Concello
Por Oskar Viéitez |
-
O presidente de Aempe critica a "inseguridad jurídica" xerada polo Goberno e os "contrasentidos" da desescalada
Por Oskar Viéitez |