Os accesos peonís en Combarro regúlanse para evitar aglomeracións
Por Redacción
Desde o Concello de Poio estableceron medidas para regular a mobilidade do tránsito peonil en Combarro. A intención destas medidas é que se manteñan as distancias entre persoas á hora de camiñar polos diferentes espazos deste destino turístico.
A rúa Francisco Regalado contará cunha zona peonil á altura da ligazón coa PO-308, situado á altura no núcleo urbano da parroquia. Trátase dunha zona que carece de beirarrúa e está prevista a instalación de pivotes para que regule o espazo entre viandantes.
Tamén se establecerán carrís peonís de sentido único. Empregarase a mesma fórmula que a Policía Local de Poio xa implantara semanas atrás na ponte da Barca, nunha medida adoptada en colaboración co Concello de Pontevedra. Ínstase os peóns a que camiñen polo seu lado dereito.
En canto á zona do núcleo histórico da parroquia vai marcar unha rúa de entrada e outra de saída. Con esta medida quérese evitar que se produzan aglomeracións e mantéñanse as distancias.
Marga Caldas, concelleira de Seguridade Cidadá, tamén pide a responsabilidade dos residentes e visitantes á hora de cumprir cos protocolos sanitarios para evitar cruces entre viandantes á hora de camiñar por estas zonas estreitas, que en épocas estivais contan cun amplo número de turistas.