Cuntis inicia a campaña primaveral de rozas en pistas e camiños municipais
Por Redacción
O Concello de Cuntis iniciou esta semana a campaña primaveral de rozas de camiños e pistas municipais. Aínda que ao longo de todo o ano un tractor permanece en servizo para limpar a rede viaria, cada ano por esta época na que a vexetación crece en maior medida, actívase un programa especial de rozas que se intensifica coa incorporación dos tres tractores do parque móbil municipal.
Ao longo destes últimos días os operarios do Concello xa efectuaron limpezas nas parroquias de Portela, Couselo e Arcos de Furcos, mentres que na xornada deste xoves se actuou na parroquia de Cuntis e na de Troáns.
Coa totalidade das desbrozadoras a pleno rendemento, a previsión é que nun prazo aproximado de tres semanas se poida chegar á maior parte dos núcleos de poboación do termo municipal no que sería a "primeira pasada" deste campaña primaveral, que continuará posteriormente.
Como sinalou o alcalde, Manuel Campos, "conservar os viais en bo estado de limpeza é un dos obxectivos que nos marcamos dende o primeiro momento no goberno municipal debido á importancia que isto ten para a calidade de vida da veciñanza, especialmente do rural".
Así, o obxectivo do programa é o de conservar en boas condicións a rede viaria nun momento no que a vexetación prolifera de maneira especial, favorecendo as comunicacións entre as parroquias grazas á mellora da visibilidade e da seguridade viaria que se consegue a través dos desbroces. Ademais, manter as marxes das estradas limpas de vexetación tamén contribúe á loita contra os incendios forestais.
O alcalde sinalou que esta campaña supón para o Concello un "esforzo importante" debido á gran cantidade de quilómetros de pistas e estradas sobre os que é preciso actuar "e por iso nos centramos en executalo con moita planificación para chegar a todos os lugares e obter os mellores resultados en beneficio dos veciños e veciñas".
Relacionadas:
-
Cuntis informa de que a consulta sobre a parcelaria de Troáns deberá facerse por teléfono ou na web
Por Redacción |
-
A Xunta e a Deputación continúan coa limpeza das estradas
Por Redacción |
-
Caldas volverá ter brigada contra lumes forestais este verán
Por Redacción |
-
Medio Rural financia ao Concello de Cuntis a compra dun tractor para prevención de incendios forestais
Por Redacción |