Unha comisión técnica supervisará o cambio de xestión dos parques comarcais de bombeiros
Por Redacción
O pleno extraordinario do consorcio provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% coa Xunta de Galicia, aprobou este xoves por unanimidade os 20 puntos da orde do día.
A sesión telemática, que substitúe á correspondente ao mes de abril, foi presidida pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, os deputados provinciais, Carlos Font e Santos Héctor, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e Marta Iglesias en representación da delegada da Xunta en Vigo.
A boa saúde económico e financeira do consorcio provincial quedou reflectida cos datos da conta xeral de 2019: un balance de patrimonio neto e pasivo corrente de 8,6 millóns de euros, a conta do resultado económico-patrimonial axustado de +239.783,71 euros, o resultado orzamentario axustado de +730.139,36 euros, o remanente de tesourería para gastos xerais de 4.467.041 euros o que supón 438.006 euros máis respecto a 2018, e un período medio de pago de 16,3 días.
Amais, segundo o informe da secretaria-interventora, se cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, coa regra de gasto e co límite da débeda cumprindo así co principio de sustentabilidade financeira (o consorcio ten unha débeda financeira do 0%).
Por outra banda, o pleno deu luz verde á constitución dunha comisión técnica para o seguimento do proceso do paso de xestión indirecta a xestión directa. A comisión, que terá unha primeira convocatoria para reunirse no próximo mes de xuño, terá carácter paritario entre os membros do consorcio, e entre os seus cometidos estará a elaboración da memoria comprensiva dos aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros da prestación do servizo, a fin de determinar tecnicamente a procedencia do cambio de modelo.
O pleno tamén aprobou a adxudicación do subministro dun vehículo de rescate e de extinción de incendios en altura á empresa INCIPRESA por un prezo de 642.400 euros, máis 134.903 euros de IVE. Trátase dun vehículo con chasis-cabina Mercedes-Benz con mando remoto con tecnoloxía wireless e diversas melloras en canto ás características mínimas e as condicións operativas do brazo articulado.
Relacionadas:
-
Xunta e Deputación aproban o paso ao modelo de xestión directa nos catro parques comarcais de bombeiros da provincia
Por Redacción |
-
O servizo de extinción de incendios e salvamento pasará a ser de xestión directa o 1 de xuño
Por Redacción |
-
Xunta e Deputación aproban un orzamento de 3.8 millóns para o Consorcio contra Incendios e Salvamento
Por Redacción |
-
Crean a comisión para abordar a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros
Por Redacción |
-
Os concellos do interior reclaman a mellora do servizo de emerxencias
Por Oskar Viéitez |
-
O parque de bombeiros recibirá un investimento de dous millóns de euros en seis anos para mellorar instalacións e medios
Por Natalia Puga |