Acepta unha condena de máis de 4 anos de prisión por maltratar de maneira habitual e agredir sexualmente á súa parella
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial condenou a 4 anos e 9 meses de prisión a M.A.R.T., un mozo acusado de maltratar de maneira habitual e de violar á súa parella durante polo menos catro anos, entre 2014 e 2018, momento no que a vítima logrou contar o sucedido.
O xuízo resolveuse mediante un acordo de conformidade entre as partes, polo que o acusado recoñeceu na súa integridade os feitos recollidos polo Ministerio Fiscal no seu escrito de acusación.
O acusado, do partido xudicial de Vilagarcía de Arousa, non quixo declarar diante do tribunal que preside a maxistrada Nélida Cid.
A Fiscalía tivo en conta as circunstancias atenuantes de drogadicción e reparación do dano, xa que no momento no que ocorreron os feitos o procesado "tiña afectadas as súas facultades intelectivo-volitivas polo consumo de substancias estupefacientes" concretamente cannabis e cocaína. Ademais, antes da celebración deste xuízo oral o acusado consignou a cantidade de 4.500 euros para o pago da responsabilidade civil.
En virtude do acordo ao que chegaron o fiscal, o avogado da acusación particular e o letrado da defensa, o acusado acepta unha condena de 3 meses de prisión polo delito de malos tratos habituais, ademais de 1 ano de prohibición de comunicación e achegamento á vítima nun radio non inferior a 500 metros.
Polo delito continuado de agresión sexual é condenado a 4 anos e 6 meses de prisión coa pena accesoria de 5 anos de prohibición de comunicación e achegamento á vítima e outros 5 anos de liberdade vixiada.
Por cada un dos 3 delitos de lesións á muller condénaselle a 20 días de traballos en beneficio da comunidade e 1 ano de prohibición de comunicación e achegamento á vítima nos mesmos termos que xa foron citados.
Por último, polos 2 delitos de coaccións graves a pena imposta é de 6 meses de multa cunha cota diaria de 2 euros e como accesoria 1 ano de prohibición de comunicación e achegamento.
En concepto de responsabilidade civil polas lesións e os danos morais derivados da comisión destes delitos o condenado terá que indemnizar á muller en 4.500 euros.
SUSPENSIÓN DA PENA
A defensa do acusado pediu a suspensión da condena, unha petición á que Fiscalía e acusación particular non se opoñen "a condición de que cumpra co programa específico de tratamento dos malos tratos e leve boa evolución nel e non haxa ningunha regresión", puntualizou o representante do Ministerio Público.
Sobre a suspensión da pena pronunciarase o tribunal na redacción da sentenza que fixará a condena nos mesmos termos nos que se conformou e que será firme sen que contra ela se poda interpoñer recurso.
FEITOS PROBADOS
Segundo recolle o escrito de acusación e admitiu o agora condenado, durante esa relación que mantiña coa vítima e de forma cada vez máis intensa segundo ía avanzando o tempo, "o procesado exerceu sobre a súa parella constantes actos de violencia psíquica e física, consistentes, entre outros, en insultala e menosprezala, amedrentala con agredila ou dicirlle que ía difundir fotos e vídeos dela de contido sexual, propinarlle labazadas, golpes e patadas, tiróns de pelo", sinala o fiscal, que engade que o facía "co ánimo de controlala e sometela á súa vontade".
O Ministerio Público engade que "en moitas das ocasións nas que a vítima lle manifestaba ao procesado que non quería manter relacións sexuais, este emprendíaa a golpes con ela ata que, normalmente, acababa cedendo por medo ou para que cesasen os golpes".
Inicialmente a Fiscalía pedía penas que sumaban 22 anos de cárcere, por delitos de malos tratos, lesións, coaccións e agresión sexual e unha indemnización de 12.570 euros polas lesións e danos morais causados.
PRIMEIRO XUÍZO NA AUDIENCIA
O deste xoves foi o primeiro xuízo que se celebra na Audiencia de Pontevedra despois dun parón de dous meses por mor da emerxencia sanitaria da COVID-19. Todas as persoas presentes na sala de vistas tiveron que usar a máscara, por ser o primeiro día obrigatorio, e gardar unha distancia de seguridade nos bancos.
O fiscal e os avogados non vestiron a característica toga e os bancos estaban marcados para distanciar ao público. Debido ao aforo da sección cuarta permitiuse acceder a cinco persoas de público, e polos medios de comunicación a unha fotógrafa, un cámara e cinco redactores.