A Festa da Batalla de Ponte Caldelas batirá récords de participación na edición deste ano
Por Redacción
Os días 17 e 18 de agosto, Ponte Caldelas recreará a batalla contra os franceses da Guerra da Independencia do ano 1809. E para a edición deste ano, 400 persoas xa solicitaron nas oficinas do concello autorización para realizar "xantares particulares" nas beiras do río Verdugo. A cifra, segundo a organización, supera a das anteriores edicións polo que se agarda un récord de asistencia. O prazo non se pechará ata este venres 9 de agosto. Aqueles que queiran apuntarse deberán solicitalo nas oficinas municipais de Ponte Caldelas para que os designen unha zona entre a pasarela peonil de madeira e o antigo balneario.
Os comensais deberán ir vestidos de época histórica, a principios do século XIX e deberán utilizar materiais de barro e porcelana tradicional.
Para aqueles que realicen lume terán que empregar carbón vexetal e contarán cun extintor camuflado preto dos asadores. Ademais, deberán asumir unha serie de medidas de seguridade como o uso de pranchas metálicas.
O concello de Ponte Caldelas vai reforzar durante eses días a instalación de colectores de recollida selectiva de residuos e obrigará a manter o espazo sen restos de desperdicios.
Dende o concello, ofrecen na súa páxina web alternativas de vestiario para evitar realizar gastos económicos importantes aconsellando patróns e modelos que luzan na festa.