Un pai e a súa filla, trasladados a un centro hospitalario tras caer da bici en Beluso cando saúdaban uns coñecidos
Por Redacción
Un home e a súa filla precisaron asistencia médica na tarde deste mércores ao sufrir unha caída cando circulaban nunha bicicleta pola parroquia de Beluso, no municipio de Bueu.
O pai, que manexaba o vehículo perdeu o control do guiador, segundo explicaban membros de Protección Civil de Bueu, cando quería saudar a uns coñecidos que se atopaban na zona. Nese momento, perderon o equilibrio caendo ao chan. A rapaza sufía diferentes rabuñadas no corpo mentres que o pai quedou inconsciente durante uns minutos e sufría dor no ombreiro.
Segundo informa o servizo de Emerxencias do 112 Galicia, ámbolos foron trasladados ao Hospital Quirón Salud de Pontevedra para ser atendidos dos danos ocasionados ao caer da bicicleta. Tanto o pai como a filla levaban casco, o que impediu que sufriran danos máis graves.
O accidente rexistrábase ao redor das 16.10 horas e un particular alertaba ao 112 Galicia do accidente. A continuación, desde o Centro de Emerxencias avisaban ao servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil e aos Bombeiros do Morrazo.