Dirección e Xestión Pública no campus de Pontevedra será o primeiro grao universitario galego con modalidade virtual
Por Redacción
No mes de setembro, o grao en Dirección e Xestión Pública que se imparte no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo converterase no primeiro dentro do Sistema Universitario de Galicia en contar cunha modalidade virtual, para a que se ofertan 20 prazas, que se suman ás 25 que xa se contan no modo presencial, informa na súa crónica Eduardo Muñiz para o DUVI, o Diario da Universidade de Vigo.
Co propósito de ampliar a formación en teledocencia, esta semana botou a andar un curso obrigatorio para o profesorado que impartirá as materias deste primeiro curso online.
De xeito progresivo, a nova modalidade do grao que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación irá substituíndo á opción semipresencial, de tal xeito que, como explica a coordinadora do grao, Soraya Rodríguez, no curso 2023-2024 "as únicas modalidades existentes serán a presencial e a virtual".
A posta en marcha no curso 2014-2015 da modalidade semipresencial, explica Rodríguez, "foi moi ben acollida por un perfil concreto de alumnado", formado maioritariamente por persoas maiores de 30 anos, que traballaba ou quería traballar no sector público. Mais tamén, sinala, "detectamos que a oferta dun grao virtual permitiría o acceso a alumnado que, ata o de agora, tiña moitas limitacións para acceder a estes estudos por residir fóra de Galicia".
Deste xeito, a diferencia da opción semipresencial, na nova modalidade virtual será posible cursar o grao "dende calquera país, adaptando o seguimento aos seus horarios", así como "realizar as diversas probas de avaliación de maneira virtual, facilitando a conciliación familiar e laboral do alumnado", como salienta Rodríguez.
A experiencia da modalidade semipresencial do grao, pero tamén do mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, que se imparte desde hai nove anos, resultaron, como recoñece Rodríguez, "decisivas" para deseñar esta nova modalidade.
A estas experiencias previas sumouse a situación xerada pola crise da COVID-19, que mesmo tivo unha parte positiva xa que, como recoñece a coordinadora do grao, axudou a "pulir algúns aspectos" no referido á docencia telemática, así como a ver "novas posibilidades e experimentar cos sistemas de avaliación integramente virtuais".
A implantación desta nova modalidade chega tras unha modificación do plan de estudos do grao, como apunta a súa coordinadora, para adaptar o currículo, competencias e actividades formativas ás " novas necesidades" das administracións públicas.
Para iso, o grao que se imparte en Pontevedra apostou por unha "pluralidade e riqueza de contidos" do que forman parte ámbitos como o dereito, a contabilidade, a economía, o márketing e empresa ou as políticas e a xestión pública.
Relacionadas:
-
A Universidade autoriza 14 probas presenciais en Forestais, Belas Artes e Fisioterapia
Por Oskar Viéitez |
-
O grao en Deseño e Creación terá espazos propios no edificio administrativo de Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
Vinte alumnos estrearán a modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |
-
A Universidade non pecha a porta á presencialidade para os exames finais
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo facilita un manual de urxencia para a avaliación durante o COVID19
Por Redacción |