ENCE reitera que a APDR "desinforma a cidadanía" coas súas críticas á fábrica de Lourizán
Por Redacción
Ence e a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) continúan a súa guerra dialéctica e choque de opinións sobre os resultados ambientais da fábrica de Lourizán. A empresa presentou os seus datos, a asociación ecoloxista criticounos, a empresa defendeuse, volveron recibir outra réplica e este mércores volve tomar a palabra a pastera.
Nun comunicado, Ence volve denunciar a existecia dunha "manobra de desinformación e falsidades que a APDR difunde" aos cidadáns en relación aos resultados ambientais da fábrica da compañía en Pontevedra e o seu control por parte da Xunta de Galicia.
Na súa última crítica, a asociación ecoloxista busca, en opinión de Ence xerar graves sospeitas sen fundamento pola falta de controis ambientais e por unha hipotética contaminación bacteriolóxica provocada pola fábrica de Ence", e "falsos impactos sobre os bancos marisqueiros e efectos sobre a saúde pública atribuídos á fábrica".
"Ence está a ser acusada de forma malintencionada pola APDR tratando de crear de xeito irresponsable alarma social mediante declaracións e informacións radicalmente falsas sobre a actividade da fábrica", sosteñen dende a empresa.
Neste sentido, a compañía quere recalcar que o seu proceso industrial non ten relación ningunha nin responsabilidade na presenza de bacterias coliformes nas augas da Ría de Pontevedra, cuxa orixe se encontra na depuración de augas fecais que non están presentes na actividade de Ence.
Reiteran que os seus parámetros ambientais son "absolutamente exemplares" e encóntranse supervisados permanentemente polas autoridades competentes. Independentemente dos "estritos controis" sobre os parámetros ambientais que a propia empresa realiza de forma continua, empresas acreditadas, colaboradoras da Administración, chequean e auditar "de forma moi exhaustiva" os valores ambientais de Ence Pontevedra,
Ademais, Ence repite que mantén unha rigorosa política de total transparencia sobre a súa actuación ambiental co fin de que os seus veciños poidan coñecer en todo momento a situación real dos seus parámetros ambientais mediante a súa publicación diaria na Internet onde poden comprobar a evolución e veracidade dos datos.