O novo vial de acceso a Mollavao inicia a tramitación administrativa
Por Oskar Viéitez
O proxecto para o novo vial de acceso a Mollavao xa está rematado, o que permite iniciar a tramitación pertinente con todas as administracións implicadas de cara a súa posterior licitación, segundo anunciou este mércores o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.
O edil nacionalista asegurou que o deseño definitivo do proxecto permite "expander a a malla urbana e a zona de alta calidade urbana do centro da cidade a unha área onde xa non hai cidade", o que implicará a implementación de sendas peonís e elementos de calmado de tráfico.
Así, o proxecto, cuxo orzamento ascende a 938.824 euros, contempla sendas peonís ao longo dos 97 metros de lonxitude do vial, para conectar coa senda da ría da avenida de Marín; levará dous carrís de circulación, un en cada sentido; unha rotonda en cada extremo do vial; tres novos pasos de peóns sobreelevados; e alumeado de alta calidade ao longo de todo o vial e columnas de iluminación en ambas rotondas para evitar problemas de accesibilidade respecto da luz.
A construción da rotonda de conexión coa avenida de Marín implicará que se teña que refacer un pequeno treito da propia avenida de Marín.
Entre a complexidade do proxecto, Demetrio Gómez citou, en primeiro lugar, que se trata dun vial que debe empatarse por un extremo cunha vía existente e polo outro cunha vía que está proxectada aínda en anteproxecto, en referencia á actuación de reordenación da rúa Rosalía de Castro. Neste sentido, o concelleiro de Obras explicou que se intentarán solapar prazos para adiantar a tramitación da reforma de Rosalía de Castro mentres se executa o novo vial de acceso a Mollavao.
Demetrio Gómez explicou, ademais, que a tramitación necesaria para proceder á licitación do proxecto é "complexa" pero que xa está iniciada.
Neste sentido, a Deputación de Pontevedra xa solicitou o informe de impacto ambiental á Xunta e a tramitación ante ADIF por tratarse dunha zona de afección de ferrocarril, e tras estes dous trámites e cos informes positivos procederase á redacción do informe municipal para, posteriormente, tramitar con Costas a concesión deste terreo para a execución do vial. Tras toda esta tramitación, sacarase o proxecto a licitación cun prazo de execución de 9 meses.
Entre as principais melloras que suporá a entrada en funcionamento deste novo vial, o concelleiro salientou a conexión peonil cunha zona xa de alta calidade urbana como é a senda na beira da ría, a mellora dun espazo actualmente degradado e, tras a reordenación de Rosalía de Castro que quedará como vía de saída, a ordenación da circulación perimetral de Pontevedra polo anel urbano máis exterior evitando que o tráfico de paso entre no centro urbano.
Relacionadas:
-
O novo vial de Mollavao licitarase "canto antes" e prevese construír en 2021
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello, pendente de Costas para iniciar o novo vial de Mollavao en 2021
Por Alejandro Espiño |
-
A nova rúa que unirá as estradas a Marín en Mollavao custará un millón de euros
Por Redacción |
-
O Concello comeza a tramitar a solución "máis acaída" para a reforma de Mollabao
Por Alejandro Espiño |
-
Proxectan humanizar o primeiro tramo de Mollabao e crear unha nova conexión con Beiramar
Por Alejandro Espiño |