Poio aproba por unanimidade o plan financieiro para estabilizar a súa economía
Por Redacción
A través dun pleno telemático, o primeiro que celebra Poio na súa historia, a corporación municipal apoiou por unanimidade o plan económico e financieiro deseñado polo Concello para estabilizar a súa economía e cumprir coas regras de gasto aprobadas polo Estado.
Este documento foi consensuado entre o departamento de Intervención do Concello e a Dirección Xeral de Política Financieira da Xunta de Galicia.
O goberno local garante que o seu cumprimento non repercutirá na calidade de vida dos veciños, xa que o Concello goza na actualidade dunha situación económica "o suficientemente boa" como para asumir a redución de 600.000 euros en investimentos que se contempla.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, asegurou que isto é froito da situación que provoca a regra de gasto. Explicou que se investiron 2,4 millóns de euros en diferentes iniciativas e recursos e obtívose un préstamo de 650.000 euros para financiar varias actuacións.
A contrapartida, segundo Barreiro, é que "agora temos que reducir os custes neses 600.000 euros", algo que considera "inxusto" porque se o crecemento económico é superior ao 2,7% anual, como sucede en Poio, "é moi difícil de cumprir" a normativa de estabilidade.
"Nós consideramos que é moito mellor investir en favor da cidadanía que ter os cartos no banco ou usar o remanente de tesourería na amortización de débeda, cando a temos perfectamente estruturada", explicou o edil de Facenda, que lembra que actualmente esta débeda ascende a 5,5 millóns de euros, reducíndose en 4,5 millóns con respecto ao ano 2009.
O goberno local deixa claro que a situación económica "está moi controlada", polo que non se agardan problemas "nin a curto nin a medio prazo". Negaron ademais que a aprobación deste plan supoña unha intervención por parte do Estado ou se contemple a fusión con outros concellos, como deslizou o Partido Popular hai uns días.
Neste sentido, foi o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, no que apuntou que no informe se lembran cales son as opcións que contempla a lei para as situacións máis extremas, como tamén son a suspensión de competencias ou de entidades menores.
O tripartito incide en que "estamos moi lonxe deses escenarios" e, de feito, Xulio Barreiro lembra que na actualidade en Poio están asumindo, desde hai anos, servizos que corresponden a outras administracións. E, a pesar diso, "realízanse investimentos, redúcese a débeda e os impostos levan conxelados desde 2013", destacou.
O PP PEDIRÁN DIMISIÓNS SE NON SE CUMPRE O PLAN
O Partido Popular, pola súa banda, asegura que votaron a favor deste plan económico por "responsabilidade" e evitar que Poio "sexa vítima dunha futura fusión" con outro municipio.
Advirten que, en todo caso, se se volven a incumprir as medidas marcadas e obrigadas neste plan pedirán dimisións no seo do goberno municipal, xa que recordan que "xa incumpriron as medidas impostas polo ministerio no pasado".
Os populares lamentaron que as medidas impostas a Poio son "moi drásticas" e implican unha "intervención total" sobre as contas municipais para poder "reconducir o rumbo" e poder pagar a funcionarios, prestar servizos a veciños e investir en infraestruturas.
Relacionadas:
-
Poio destinará parte do remanente do 2019 ao pago de gastos xerais e facturas
Por Redacción |
-
Poio publica unha guía virtual para a procura de emprego en tempos do coronavirus
Por Redacción |
-
O goberno local de Poio nega que Facenda teña intervido o orzamento e defende a estabilidade económica
Por Redacción |
-
Os populares alertan da situación "moi perigosa" do Concello de Poio polo incumprimento do Plan financeiro
Por Oskar Viéitez |
-
Poio presenta un orzamento de 12,7 millóns de euros e anuncia que vai incumprir a regra de gasto
Por Oskar Viéitez |