Recollen máis de 600 sinaturas nun día para reclamar a apertura inmediata do consultorio médico de Ponte Sampaio
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A plataforma veciñal Ponte Sampaio-A Canicouva presentou un escrito avalado por 610 sinaturas de persoas da parroquia recollidas durante un só día para demandar do Servizo Galego de Saúde a inmediata reapertura do consultorio médico de Ponte Sampaio.
Sinalan que neste momento, cando se deben respectar ao máximo as medidas de confinamento domiciliario, entenden que non é razoable obrigar á poboación da parroquia a desprazarse a Pontevedra para recibir atención primaria. Sobre todo, alegan, cando unha grande parte das persoas usuarias do consultorio contan cunha idade avanzada e están consideradas persoas de alto risco ante un posible contaxio da COVID-19.
Deste xeito, as persoas afectadas por este peche non entenden que o Sergas aluda a supostos motivos técnicos para manter o peche do centro, cando ata hai dez días estivo aberto coa presenza dun profesional da sanidade. Desde a xerencia anunciaron que non se reabrirá ata a fin da pandemia.
Os veciños que contan coa portavocía de Víctor Cal insisten nos graves perxuizos que o peche ocasiona á cidadanía debido a que para calquera consulta teñen que desprazarse ata o centro de saúde Virxe Peregrina no centro urbano de Pontevedra.
Para evitar esta situación demandan a reapertura do consultorio médico e que se respecten os dereitos como usuarios.
PETICIÓN DA A.VV. HÉROES DE PONTE SAMPAIO 1809
Pola súa banda, Ramón Agulla, presidente da asociación de veciños Héroes de Ponte Sampaio 1809, pide ao Concello de Pontevedra que poña as instalacións necesarias a disposición do Sergas para que desde a administración autonómica poñan as medidas de seguridade e illamento que permitan o funcionamento deste centro médico.
Agulla argumenta que as autoridades sanitarias alegan que consultas médicas como a de Ponte Sampaio "non cumpre os requisitos mínimos para desenvolver a actividade" de Atención Primaria e pon en risco a traballadores, sanitarios e pacientes ao non ter salas de illamento, dobres circuítos e outras medidas semellantes.
O presidente veciñal recoñece que o traslado a 13 quilómetros de distancia de enfermos e familiares para a atención no centro de saúde Virxe Peregrina crea un prexuízo á veciñanza cando ademais non existe un transporte de ida e volta.
Por este motivo, reclama ao goberno local que poña instalacións como a biblioteca, un espazo adosado ao consultorio sen uso, segundo alega, a disposición do Sergas para habilitar o centro médico.
Relacionadas:
-
Un biombo e unha porta permitirán adaptar o centro de saúde de Ponte Sampaio ao protocolo anti Covid-19 e recuperar a atención médica
Por Natalia Puga |
-
O Sergas só devolverá o médico ao consultorio de Ponte Sampaio se o Concello lle cede o edificio anexo
Por Redacción |
-
O Consultorio de Ponte Sampaio reactivará a actividade de Enfermería o vindeiro 1 de xuño
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O BNG leva ao Parlamento Galego o peche do consultorio de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O Sergas non retomará a actividade no consultorio de Ponte Sampaio ata a fin da pandemia
Por Redacción |
-
O Sergas proxecta retomar a normalidade da Atención Primaria "a medio prazo"
Por Redacción |
-
Esixen á Xunta a apertura inmediata do consultorio médico de Ponte Sampaio
Por Redacción |