Milosz Labinski, o pianista silenciado polo confinamento e reconvertido a debuxante e profesor para chegar a fin de mes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Milosz Labinski. Por este nome, serán moi poucos os pontevedreses que o recoñezan, pero será raro o veciño ou visitante que pasase por Pontevedra no últimos cinco anos que non o escoitara ou gozara da súa música. As súas interpretacións das bandas sonoras de Amelie ou The Piano e as composicións de Johann Sebastian Bach ou Erik Satie que saen do seu piano convertéronse xa en parte do 'fío musical' da cidade cando chegou o confinamento e o silenciou. Recluíuno na súa casa e, ademais de privar aos cidadáns da súa música, privouno a el da súa única fonte de ingresos: as achegas que recibe de tocar na rúa.
Aos seus 40 anos, este mozo de orixe polaca que ao longo da súa vida se reinventou xa varias veces, viuse obrigado polas circunstancias a redefinirse unha vez máis. Desde a súa chegada a Pontevedra en 2015 adoitaba situarse en varias esquinas e prazas da cidade, piano en man, e deleitar coa mestría que aprendeu en conservatorios de Polonia e París. A cambio de poñer a banda sonora ás tardes de moitos cidadáns, recibía achegas económicas que lle permitían pagar o piso no que reside no centro da cidade e sufragar os seus gastos diarios.
O confinamento derivado da pandemia do coronavirus recluíuno, como a todos, e quedou, como moitos pontevedreses, sen ningunha fonte alternativa de ingresos, pero cos gastos intactos. Nos primeiros días da corentena pasou momentos complicados nos que chegou a pensar que non podería nin pagar o aluguer, pero cruzáronse no seu camiño dúas persoas solidarias e unha fonte de inspiración que fan que a que podía ser unha historia moi triste se convirta nun relato de optimismo e solidariedade.
As persoas altruístas que o salvaron foron o caseiro que lle perdoou o primeiro mes de aluguer e o veciño de Pontevedra José Biempica, cara a quen non ten máis que eloxios porque organizou un grupo de amigos que lle axudaron a difundir que, mentres non tocase na rúa, faríao na súa casa e mandaría vídeos para aqueles que o quixeran. Grazas ás doazóns voluntarias de varios veciños e aos ingresos que recibiu felicitando aniversarios ou datas especiais a través destes vídeos, logrou tapar os buracos.
Ademais, en plena pandemia, chegoulle a inspiración e non só se redefiniu con eses vídeos de felicitación que alegraron o confinamento a máis dun pontevedrés, senón que empezou a dar clases de francés e inglés a distancia (fala ambos os idiomas, polaco e español) e utilizou o seu talento artístico para unha disciplina que non adoitaba explotar nos últimos tempos: o debuxo. Empezou a vender os seus debuxos a quen estean interesados en compralos, demostrando que as musas non só o visitan para tocar o piano, senón tamén para coller lapis e papel e crear unha obra de arte.
Milosz négase a dar unha visión negativa da súa situación actual. O confinamento truncoulle unha viaxe ao seu país natal, Polonia, que xa tiña organizado desde tempo atrás, e impediulle dar renda solta á que era desde a súa chegada a Pontevedra a súa paixón, tocar na rúa, pero non o privou de vivir da arte e gozar de cada instante e experiencia, unha filosofía vital que o acompañou desde a mocidade.
"Es la situación de mucha gente. Me encontré sin ahorros y estuve sin poder hacer nada con el piso por pagar y cosas así, recoñece, pero aí queda o seu pesimismo. "Como todo el mundo", engade, en alusión á situación de falta de ingresos e dificultades económicas de moitos pontevedreses. A partir dese punto, todo son agradecementos, pois "la gente de Pontevedra me ha ayudado bastante".
Moi agradecido pola "pequeña cadena de solidariedad muy amable" que puxo en marcha José Biempica, tamén ten un grazas na boca para todas as persoas que ata a irrupción do coronavirus dáballe "lo que podía y quería" e que, durante o peche, seguiron apoiándoo. As persoas que lle axudaron foron "básicamente, gente que me conocía de la calle y estaban acostumbrados a verme tocar".
"No sé cuando podrá coger el avión para ir a ver a mi familia", ten xa asumido, e tamén descoñece cando poderá volver tocar na rúa, pero confía en que "cuando cambiemos de nuevo de fase podré volver", en alusión ás distintas fases da desescalada. Actividades como a súa non están recollidas en ningún dos decretos das fases da desescalada aprobados polo Goberno, pero agora que "hay ya mucha gente en la calle", non ve motivos polos que non poida xa volver sacar o seu piano ás rúas e prazas.
De momento, seguirá coas súas clases e os seus debuxos e non pensa en deixar Pontevedra, a cidade á que chegou tras namorarse dunha moza de Marín en París e na que quedou tras a ruptura. A historia de amor empezou no barrio bohemio de Montmartre e, cando se consolidou, acompañou á súa parella a Galicia de vacacións e xa non quixo marchar. Primeiro, por amor á moza. Despois, namorado da cidade que, durante este confinamento, lle devolveu todo ese agarimo.