Poio mantén as festas de San Xoán e apoia a súa reactivación económica en propostas lúdicas
Por Redacción
O concelleiro de Festexos de Poio, Xosé Luis Martínez, informa que o concello "cumprirá de xeito rigoroso co que determinen as autoridades competentes no que se refire ao desenvolvemento de eventos durante o verán". A falta dunha instrución en contra, as festas de San Xoán, en torno á festividade do 24 de xuño, seguirían co calendario previsto.
Con este posicionamento, dáse resposta á petición do Partido Popular de que se cancelasen as festas deste ano, tendo en conta a liña que se está a seguir en todo o territorio nacional.
O concelleiro entende que a día de hoxe falar dunha suspensión total das celebracións "é algo prematuro", posto que esa medida afectaría "de xeito prexudicial a moitos sectores do noso municipio". En todo caso, a decisión final dependerá das directrices que adopte a Xunta de Galicia unha vez se complete o proceso de desescalada. "É a Administración autonómica a que terá a última palabra sobre se as festas e verbenas de verán vanse poder levar a cabo. Nós, de momento, mantémonos á espera do que decida a Xunta sobre esta cuestión", declaraba Martínez.
Esta espera tamén se estende a outros festexos que habitualmente se celebran no verán. De poder celebrarse, o obxectivo do Concello de Poio é relanzar a economía do municipio a través dun plan de acción lúdico e cultural. "Contamos con espazos o suficientemente grandes para desenvolver actividades respectando aforos e distancias", engade o titular do departamento de Festexos.
A estratexia sería programar actividades de lecer para grupos reducidos, co correspondente control de aforo, e a difusión de diferentes iniciativas a través das redes sociais.
No caso de non poderen celebrarse este verán as grandes citas do calendario festivo de Poio, as contratacións deste ano pasarían á edición de 2021, tal e como xa se lles deu traslado aos afectados. "Xa abordamos este tema cos afectados e están sobre aviso, o cal tamén nos permite ter algo máis de marxe á hora de actuar en canto a Xunta de Galicia aclare as cousas", aclara o edil do BNG.
Relacionadas:
-
Finalmente en Poio, polo San Xoán, nin cacharela nin sardiñada que pingue no pan
Por Redacción |
-
A Xunta, a favor da celebración de verbenas durante este verán
Por Redacción |
-
Moldes pregúntalle ao goberno de Poio que se vai facer coas festas de San Xoán
Por Redacción |
-
Poio fai promoción turística nas redes pensando na volta á normalidade
Por Oskar Viéitez |
-
Poio celebra su semana grande
Por Diego Torrado |