O Goberno rectifica e permite aos comercios facer rebaixas desde hoxe mesmo

Por Redacción
Apenas unha semana despois de prohibir as rebaixas nos comercios, apelando a un risco e aglomeracións, o Goberno rectificou a súa decisión e tras as críticas do sector pasou a autorizar estas campañas de desconto baixo certas condicións.
Así, a partir deste luns os establecementos comerciais con permiso para abrir as súas portas poderán realizar rebaixas, sempre que se establezan medidas destinadas a asegurar que non se xeren aglomeracións que impidan o mantemento da distancia de seguridade.
Ademais, deberanse cumprir os límites de aforo marcados na fase da desescalada e non comprometer o cumprimento do resto de medidas establecidas.
De incumprirse estas regras, segundo a disposición do Goberno, os comercios deberán efectuar o cesamento inmediato destas accións comerciais ou de promoción.
Dentro do sector, o Goberno tamén autoriza desde este luns a apertura dos comercios que teñan máis de 400 metros cadrados, sempre que acouten o espazo dispoñible para o público a esta superficie.
Esta última era unha das grandes reclamacións de cadeas como Inditex, Mango ou H&M, xa que vían moi limitada a posibilidade de abrir as súas tendas ao contar todas con grandes superficies.