Os municipios da comarca con ata 10.000 habitantes deixarán de ter restricións horarias
Por Redacción
Ponte Caldelas, Ribadumia, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade e Meaño deixarán nos próximos días de ter restricións horarias nas saídas de nenos, adultos e deportistas.
Son os municipios da comarca aos que lles afectará positivamente a decisión do Goberno de equiparar as localidades de 10.000 habitantes coas de 5.000, onde se podían realizar as actividades permitidas a calquera hora do día.
Esta medida foi comunicada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aos presidentes autonómicos na reunión telemática mantida este domingo, e confirmada despois na comparecencia da portavoz do Goberno, a ministra María Jesús Montero.
Neste sentido, na súa comparecencia diaria o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, mostrouse tamén partidario a flexibilizar as medidas nos municipios deste tamaño porque "la evolución de la epidemia es positiva" e "han sido en general menos afectados por la epidemia que las grandes ciudades".
Desta forma Ponte Caldelas, Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Meaño uniranse nos próximos días, en canto se publique a normativa, aos municipios da comarca que xa non estaban suxeitos a restricións por contar con menos de 5.000 habitantes, como son Cuntis, Barro, Moraña, Campo Lameiro, A Illa, A Lama, Meis e Portas.
Ao ser preguntado por esta medida tras o encontro telemático de dirixentes autonómicos, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que o criterio da administración galega é o de "núcleos de poboación de menos de 10.000 habitantes, esa é a nosa proposta", que no caso de aprobarse supoñería relaxar as medidas en máis lugares de toda a xeografía autonómica.
Por outra banda o Goberno Central tamén anunciou a súa intención de regular nos próximos días o uso de máscaras nos lugares públicos.
Relacionadas:
-
Obras de mellora da PO-225 ao seu paso polo centro de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade ofrece conexión a Internet a 25 familias con fillos en idade escolar
Por Redacción |
-
Campo Lameiro recupera a súa feira, a primeira do estado de alarma
Por Redacción |
-
As máscaras serán de uso obrigatorio na rúa a partir deste xoves
Por Oskar Viéitez |
-
Volve a feira a Ponte Caldelas, pero só para a venda de produtos alimenticios
Por Redacción |
-
Vilagarcía terá un horario uniforme para todas as saídas na fase 1 e a Xunta lamenta as críticas do alcalde
Por Redacción |
-
Os núcleos de menos de 5.000 habitantes tampouco terán restricións horarias
Por Alejandro Espiño |
-
Aquí non hai horarios para pasear ou facer deporte
Por Oskar Viéitez |