Localizan en Salcedo un poldro que fora roubado en Vilaboa
Por Redacción
A Garda Civil identificou e investiga tres persoas por un presunto delito de furto pola subtracción dun poldro que se atopaba nunha leira particular de Vilaboa.
Así consta na denuncia presentada o pasado 11 de maio por un veciño da localidade, que sinalaba que desaparecera unha cría de cabalo recentemente nada que se atopaba coa egua aínda en pleno período de lactación nunha leira próxima á súa vivenda.
Tras esta denuncia o Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Pontevedra e o Equipo do Seprona da Garda Civil de Cangas iniciaron unha investigación.
Así tras varias pescudas tiveron coñecemento de que dúas persoas acudiran a unha fábrica de pensos de Pontevedra para comprar leite de egua, o que levou á identificación dos mesmos e dun terceiro, relacionado con eles, cada un cun domicilio diferente de Vilaboa, Marín e Pontevedra. Os tres están relacionados co mundo dos cabalos.
A investigación conduciu aos axentes para comparecer no domicilio dun dos investigados, en Vilaboa, e despois a outra vivenda doutra das investigadas, irmá do primeiro, en Salcedo.
Nesta localidade pontevedresa é onde se localiza ao animal, que se atopaba oculto nun soto da vivenda dedicado a cuadra e ao cal alimentaban con biberón.
Segundo sinala a Garda Civil, a preocupación neste caso era que o poldro non estivese ben alimentado ao ser recentemente nado e falecese, ou que fose empregado para consumo humano, xa que a un dos investigados con domicilio en Marín conta cunha infracción anterior por malos tratos animais.
O poldro foi devolto en bo estado ao seu propietario e as dilixencias do caso serán entregadas no Xulgado de Garda de Cangas, confirma a Benemérita.