Rolda de asfaltados en rúas do centro urbano
Por Redacción
O Concello de Pontevedra ten previsto iniciar a mediados de semana unha serie de actuacións de mantemento en viais da cidade co obxectivo de que estean en óptimas condicións cando se levante o estado de alarma.
Trátase de reformas contempladas no contrato de mantemento de espazos públicos que presentan algún tipo de deterioración.
Así, segundo explica a concellería de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos que xestiona Eva Vilaverde, detectáronse como zonas de actuación para a reposición do firme tramos de Juan Carlos I, Praza de Galicia, Fernando II, Víctor Said Armesto - Campo da Torre e en Juan Bautista Andrade.
Tamén se procederá ao asfaltado da rotonda de Juan Carlos I con Losada Diéguez e Gaiteiro Ricardo Portela, a rotonda da Avenida María Vitoria Moreno e a glorieta de Echegaray.
Todas as actuacións, sinala o goberno local, serán comunicadas aos veciños de cada zona nos días previos ao comezo dos traballos.
O contrato de mantemento no que se inclúen estas reformas conta cun orzamento de 450.000 euros este ano, e en base ao mesmo desde o pasado 20 de abril xa se realizaron tarefas de acondicionamento de lousas ou entradas a garaxes en Michelena, Condesa Pardo Bazán, Filgueira Valverde, Paxariñal, Sagasta, Eduardo Pondal, Enrique Marescot, Xeneral Martitegui con Prudencio Landín e Praza de España.