A Xunta autoriza desde este sábado as visitas dun familiar en centros de menores
Por Redacción
A Xunta autoriza desde este sábado as visitas dun familiar nos centros de menores. Unha medida que procura que os nenos e adolescentes destas instalacións recuperen o contacto persoal coas súas familias, atendendo ás medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias.
Estas visitas serán supervisadas para garantir o distanciamento social e a correcta aplicación das medidas hixiénicas. Terán unha duración máxima dunha hora e cunha frecuencia que oscilará entre unha vez á semana ou cada quince días, en función do que cada centro considere necesario para garantir o dereito a visitas.
Con carácter previo, o centro contactará coa familia co fin de informar sobre o estado de saúde das persoas que constitúen a unidade de convivencia. No caso de que algún membro da unidade de convivencia presente sintomatoloxía, non poderá realizar a visita. Ademais, poderanse limitar as visitas de persoas consideradas grupos de risco ante a Covid-19. Así mesmo, estes encontros terán lugar en zonas apartadas ou inmobles anexos.
Os nenos destes centros poden realizar saídas para realizar actividade física non profesional ao aire libre, sempre en coordinación por parte dos responsables dos centros e garantindo as condicións de prevención.