Os socialistas denuncian o abandono á súa sorte do ensino público e ás residencias de maiores
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra acordou, na xuntanza do Comité Executivo Provincial celebrada este venres, expresar a súa máxima preocupación pola situación de "abandono educativo" do alumnado dos centros de ensino público, polo "esquecemento da clase traballadora" e o "desamparo ao que están sometidas as persoas das residencias de maiores".
En palabras do secretario xeral provincial, David Regades, "a Xunta, coa súa frialdade burocrática habitual, está a perpetrar un ataque a colectivos especialmente sensibles nesta crise".
A Executiva socialista considera que a Covid19 deixa un dano, aínda por aflorar na súa verdadeira dimensión, no alumnado de Primaria e Secundaria do Ensino público galego. "A Xunta de Galicia fixo un desleixo absoluto da súa obriga de garantir o ensino a centos de miles de estudantes", sinalan.
Denuncian que o estudantado dos centros públicos foi privado do seu dereito a unhas aulas virtuais cun horario regular e homoxéneo para toda Galicia. David Regades pregúntase "onde estivo agochada" a conselleira de Educación, Carmen Pomar. Considera absolutamente "escandaloso" que a Consellería de Educación non aprobase, nin publicase ningunha normativa específica para regular e ordenar as clases online, garantindo así a calidade educativa durante o curso.
"Asistimos, coa escusa da Covid19, a un novo intento de danar o Ensino público e seguir apostando polo privado, polos amigos, polo modelo que tanto gusta ao Partido Popular e ao señor Feijoo", conclúe.
Regades esixe xa un plan de reforzo do profesorado, prevendo que no próximo curso tamén pode haber aulas telemáticas e tamén esixe da Xunta a contratación de máis docentes para garantir o dereito á Educación pública ao 100%. Ao tempo, considera urxente a elaboración "dunha foto fixa da brecha dixital", unha listaxe dos estudantes que carecen de acceso a Internet en banda ancha ou de equipos informáticos nos seus fogares para que estes nenos dispoñan dos medios necesarios o próximo mes de setembro e con cargo aos Orzamentos da Xunta.
RESIDENCIAS
De igual maneira, a Executiva pontevedresa expresou a súa "máxima preocupación polo drama que varreu as Residencias de Maiores nestes últimos dous meses, froito dunha década de xestión privatizadora".
Os socialistas pontevedreses afirman que "é un clamor o pasotismo da Xunta" no control das Residencias e a "falta de inspeccións rigorosas". "O resultado é que unha cuarta parte das persoas falecidas pola Covid19 en Galicia estaban nunha residencia", din os socialistas que esixen cambios lexislativos e un plan de medicalización inmediato e homologable, tanto nos centros públicos como nos privados "para que isto non volva suceder".