Un home enfróntase a 22 anos de prisión por catro anos de "constantes actos de violencia psíquica e física" contra a súa parella
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves 21 de maio a un home, de iniciais M.A.R.T., acusado dos delitos de agresión sexual, malos tratos, lesións e coaccións por exercer "constantes actos de violencia psíquica e física" sobre a súa parella entre 2014 e 2018 en Vilagarcía de Arousa.
A Fiscalía pide que o home sexa condenado a 22 anos de prisión: 12 por un delito continuado de agresión sexual con penetración, dous anos e tres meses por tres delitos de lesións contra a muller, seis anos por dous delitos de coaccións graves e un ano e nove meses por un delito de malos tratos habituais contra a muller.
O escrito de acusación da Fiscalía sostén que durante o tempo desa relación, e de forma cada vez máis intensa segundo ía avanzando a mesma, o acusado insultouna e menosprezou constantemente dicíndolle, entre outras expresións, que se era unha puta para uns tamén o ía a ser para el. Cando iniciou a relación, ambos eran menores de idade, pero os comportamentos violentos continuaron cando ambos cumpriron 18.
Ademais, amedrentábaa dicíndolle que a ía a agredir ou a difundir fotos e vídeos dela de contido sexual, e propináballe labazadas, golpes, patadas e tiróns de pelo.
Segundo o fiscal, "co ánimo de controlala e sometela á súa vontade" revisáballe a miúdo o teléfono móbil, controlaba as súas redes sociais e non lle deixaba ter amigos nin saír coas súas amigas. Ademais, enfadábase se se relacionaba con outros mozos e cada vez que ela dicíalle que quería deixar a relación aumentaba o seu control e agresividade cara a ela. En moitas ocasións nas que ela non quería manter relacións, golpeábaa ata que acaba cedendo por medo.
Todas estas accións do procesado, prolongadas durante tanto tempo, produciron na súa parella un "temor e medo constante na súa relación de parella", tanto cando estaban xuntos como cando ela pretendía romper, polo que unha e outra vez volvía con el, "unhas veces por temor e outras pola dependencia afectiva creada", xerando nela un forte sufrimento emocional.
A sección cuarta da Audiencia revisará o caso o vindeiro xoves nun xuízo no que a Fiscalía poñerá sobre a mesa unha serie de episodios concretos, entre eles, o que ocorreu o día que ela cumpriu 18 anos tratouna con violencia. Ocorreu o 25 de marzo de 2018 no domicilio do acusado. Iniciouse unha discusión porque ela non quería manter relacións sexuais con el e propinoulle unha puñada nun ollo.
O último dos feitos ocorreu na madrugada do 9 de setembro de 2018. A moza estaba nun bar de Vilagarcía no que ocorreron moitos dos feitos que se van a xulgar e, ao agacharse para recoller do chan a palliña dunha bebida, o acusado propinoulle unha patada nas nádegas e díxolle: "Agáchasche como unha puta". Acto seguido, levouna do referido pub en contra da súa vontade, propinándolle diversos golpes.
Unha vez no seu dormitorio, continuou golpeándoa, tirándoa ao chan, dándolle patadas nas costas e golpes por todo o corpo, colleuna polo pelo e deulle golpes contra a cama e obrigouna a que, en contra da súa vontade, lle fixese unha felación. A continuación, e a pesar de que ela quería marcharse, deitáronse e mantívoa agarrada para non se puidese marchar. Ao espertarse, o procesado revisou o móbil da súa parella e cada vez que vía unha conversación de Whatsapp ou Instagram cun amigo golpeábaa, chegando mesmo a agarrala polo pescozo en varias ocasións mentres lle botaba en cara que falaba con outros mozos ou que lle mentía.
Ese día, a moza sufriu múltiples lesións e dous días despois denunciou os feitos ante a Garda Civil. Tras esa denuncia, o acusado entrou en prisión e ditouse unha orde de afastamento.
Ademais da pena de prisión, o fiscal pide que o procesado non poida aproximarse á súa parella sentimental, o seu domicilio, lugar de traballo ou de estudo, ou calquera outro lugar que sexa frecuentado pola mesma nun radio non inferior a 200 metros por un prazo de 10 anos superior á pena de prisión imposta e que durante ese mesmo tempo non poida comunicarse con ela e se impoña unha medida de liberdade vixiada. Tamén pide para el a pena de privación do dereito á tenencia e porte de armas por tempo de 3 anos e 6 meses.
A Fiscalía tamén pide que o acusado indemnice á súa vítima con 570 euros polas lesións sufridas o día 9 de setembro de 2018 e 12.000 euros en concepto de danos morais e que pague ao Servizo Galego de Saúde polos gastos que ocasionou a atención dese incidente de 2018.