Multiplícanse as demandas de axuda aos servizos sociais do Grove con motivo da COVID-19
Por Redacción
O balance realizado polo Concello do Grove en canto ao acontecido nestes dous meses de crise sanitaria, demostra que, para evitar que se produzan problemas e para seguir garantindo poder cubrir as necesidades básicas de toda a poboación, é necesario seguir mantendo a colaboración de toda a sociedade.
Tal e como explican dende o Concello, durante este periodo foi fundamental o traballo dos servizos sociais da localidade, que estiveron alerta de xeito permanente para que non se agravaran situacións ou se produciran novos casos de desprotección.
Deste xeito, os servizos sociais atenden na actualidade a 75 familias que se encontran en situacións complexas derivadas da parálise económica destes dous meses, entregándolles vales de comida cada 15 días e revisando a situación da familia que os precisa.
Isto supón que se teñan aumentando os gastos habituais do Concello nesta liña de axudas, xa que antes da crise só estaban atendendo ao redor de 40 familias. Este gasto incrementouse a máis de 4.400 euros ao que se suman gastos puntuais para pagamento de enerxía e gas nalgúns domicilios. Así mesmo, dende o Concello afirman que tamén se produciron intervencións puntuais derivadas da crise, chegando a máis de 6.500 euros.
Así mesmo, queren resaltar que gran parte do bo funcionamento da cobertura dada aos problemas xurdidos durante a crise, ten que ver coas colaboracións que se deron en todo momento. Así, destacan a axuda da Asociación contra o Cancro ou a Asociación de Los Dolores, que se encargaron de coordinar as máis de 100 costureiras que elaboraron máscaras en tempo récord con telas e gomas doadas polo comercio 'El Telar', e, cando non foron suficientes, o Concello encargouse de adquirilo en comercios locais.
Toda esta situación deu lugar a unha rede colaborativa á que se uniron os comercios locais para doar alimentos perecedeiros que foron distribuídos ás familias do programa de axuda permitindo que os seus vales de comida tiveran maior rendemento.
Por último, dende o Concello de O Grove destacan que é necesario non baixar a garda e manter o coidado e atención en todo momento, e informarán puntualmente dos cambios que se produzan así como de axudas adicionais que poidan conseguirse doutras institucións para que familias e negocios locais conten con recursos suficientes.
Relacionadas:
-
O goberno meco aplicará "man dura" para vixiar o uso de máscaras e a celebración de 'botellóns'
Por Redacción |
-
O Grove adquire ordenadores portátiles para ceder a estudantes de familias sen recursos
Por Oskar Viéitez |
-
O Grove avanza nunha plataforma de venda online para o comercio local
Por Redacción |