Prisión para un septuaxenario por abusar de polo menos dous menores nun faiado de Cruz Vermella
Por Natalia Puga
A xuíza de garda decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o veciño de Pontevedra de 70 anos Rafael L.V., coñecido como 'Chito', como presunto autor dun delito de abuso sexual a menores.
O detido, que malia a súa idade segue en activo traballando na empresa dun amigo, é coñecido en Pontevedra pola vinculación con diversos clubs de fútbol e por traballar durante anos como adestrador de equipos de fútbol de diferentes categorías de base na cidade e distintas parroquias. Estivo vinculado ao Club Deportivo Nodales, o Unión Sampaio e, na súa última etapa, á Sociedade Deportiva Alba. O seu traballo profesional non está relacionado con menores.
Investigan se puido pagar as súas vítimas e, polo tanto, cometer un delito de inducción á prostitución
O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra decretou o seu ingreso en prisión por posibles delitos de abusos a menores. O home chegou ao xulgado a primeira hora da mañá, pero non prestou declaración ata preto do mediodía e pasaban as 15.00 horas cando se decretou o seu ingreso en prisión.
Fontes xudiciais indicaron que, ata o momento, se lle vincula con estes abusos a dous menores, pero non se descarta que poida aumentar o número de vítimas a medida que sigan as investigacións. Todos os abusos se terían producido no mesmo faiado e a Policía Nacional xa tomou declaración os menores dos que supostamente abusou e os seus pais nas dependencias da Comisaría Provincial da rúa Joaquín Costa.
Ademais, segundo fontes xudiciais, investígase a existencia doutros delitos relacionados coa indución á prostitución, pois o home podería ter pagado diñeiro ás súas vítimas para poder abusar deles. Serían delitos relativos ao artigo 187 do Código Penal, que se atribúen a quen "induza, promova, favoreza ou facilite a prostitución dunha persoa menor de idade ou incapaz" ao ofrecerlle unha "contraprestación ou prezo".
O home foi detido 'in fraganti' pola Policía Nacional o domingo en compañía dun menor de nacionalidade romanesa. Estaban nun faiado no mesmo edificio da rúa Cruz Vermella no que o detido reside habitualmente coa súa única irmá. En principio, descártase que esta familiar tivera coñecemento dos comportamentos do detido.
A Policía seguíalle a pista dende hai un ano por posibles comportamentos pedófilos. O domingo presenciounos
Tras presenciar a escena, os axentes detiveron o home por supostos abusos a un menor e trasladárono á Comisaría. Ao mesmo tempo, puxéronse en contacto cos pais do menor e activouse o protocolo habitual de toma de declaración, custodia e protección do neno.
A raíz da detención, abriuse unha investigación que permitiu determinar que o home tería abusado sexualmente de, polo menos, dous menores. Trátase de dous irmáns de 11 e 13 anos (un deles estaba con el no momento da detención) de nacionalidade romanesa que residen cos seus pais nunha rúa próxima a Cruz Vermella.
O caso estase a levar co maior secretismo por tratarse de vítimas menores de idade, pero fontes policiais consultadas indicaron que o domingo se recibiu unha chamada anónima dun veciño da zona alertando de que podería estar a producirse algún encontro indebido no faiado de Rafael L.V. Axentes das policías Local e Nacional desprazáronse ao lugar, entraron no rocho e encontraron a escena que os levou a detelo.
O fiscal ve risco de que poida repetir o delito
Esta non é a primeira chamada que se recibe nas policías Local e Nacional nesta liña. Hai xa un ano que recibían comunicacións de que o agora detido podería ter comportamentos pedófilos e se estaba a investigar, pero, segundo indicaron fontes extra oficiais, ata o domingo non puideran confirmar ningunha destas denuncias. Cada vez que os axentes chegaban ao lugar no que podería estar a cometerse un feito delituoso, non encontraban probas.
Nas últimas horas, logo da detención, a Policía Nacional realizou un rexistro domiciliario na vivenda do imputado e retirouse material informático, pero, en principio, descártase que poida aparecer material de contido pedófilo.
Segundo as fontes consultadas, o fiscal solicitou o ingreso en prisión provisional do procesado porque entende que hai risco de que poida reiterar o delito polo que foi condenado. A Fiscalía solicitou tamén que se impoña, como medida accesoria, unha orde de protección que impida ao imputado comunicarse coas súas vítimas e, cando saia en liberdade, aproximarse a máis de 100 metros delas. A avogada do detido opúxose ao seu ingreso en prisión, pero non á orde de afastamento.
Relacionadas:
-
'Chito' Lavía, condenado a seis anos de cárcere por abusar de dous menores
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Audiencia de Pontevedra xulgará este xoves a Chito Lavía por abusar de dous menores
Por Oskar Viéitez |
-
Un menor relata que o presunto pederasta de Cruz Vermella o 'compraba' con chuches e bocatas
Por Natalia Puga |