As residencias de maiores que leven dúas semanas sen positivos poderán volver recibir visitas desde o luns
Por Natalia Puga
O 82 % das residencias de maiores de Galicia poderán comezar a recibir visitas a partir do próximo luns 18 de maio, máis de dous meses despois de que se suspendesen por mor da pandemia do coronavirus.
Así o anunciou este venres o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que deu a coñecer que o Goberno galego acaba de autorizar un protocolo de reactivación para a apertura dos centros de maiores e de discapacidade. Este protocolo conta co apoio do comité de expertos da Xunta e a súa aplicación será gradual e flexible.
O protocolo establece condicións para esa reapertura das residencias e tan só poderán volver recibir visitas aquelas nas que non se rexistrou ningún caso de coronavirus nin entre o persoal nin entre os usuarios nos 15 días anteriores e que no concello onde se atope non haxa máis de 3 casos activos de coronavirus por cada 100.000 habitantes.
Esa reapertura será en tres etapas. Na primeira, permitirase unha visita á semana e os visitantes poderán pasear cos maiores aos que visitan polos arredores do centro ou por zonas verdes. Haberá, iso si, unha limitación do número de persoas que se sumen a eses paseos e non poderá ser en grupos maiores de cinco persoas nin desprazarse máis dun quilómetro.
A segunda etapa suporá poder recibir dúas visitas por semana, sempre previa cita. Ademais, os usuarios que teñan autonomía de movementos poderán saír dos centros para facer xestións.
A terceira fase será xa de apertura completa, aínda que Feijóo xa avisa que en caso de que nunha residencia apareza un caso positivo volverase ao confinamento dos usuarios.
Feijóo tamén deu a coñecer este venres, na rolda de prensa telemática posterior ao Consello da Xunta que o Goberno galego mercará 120.000 doses máis da vacina da gripe, un 20 % más que na última campaña ante o previsible incremento da demanda de vacinas.
Ademais, advertiu que vai a ser a primeira vez que a sanidade galega se enfronte a dous virus a un mesmo tempo, o da gripe e o coronavirus, e "cando se cruce este virus co da gripe estaremos nunha situación crítica".
Relacionadas:
-
Os dermatólogos pasarán consulta por videoconferencia nas residencias de maiores
Por Redacción |
-
A Xunta autoriza desde este sábado as visitas dun familiar en centros de menores
Por Redacción |
-
A residencia de maiores de Ribadumia está libre de coronavirus
Por Redacción |
-
A Brilat desinfecta centros de maiores en Cerdedo e Protección Civil encárgase dos espazos públicos do municipio
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A Brilat desinfecta dúas residencias de maiores en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Galicia restrinxe a visita a hospitais e limita os grandes eventos ante a expansión do coronavirus
Por Alejandro Espiño |