Trazan un plan para protexer os catro cedros do Himalaia que hai nas Palmeiras
Por Redacción
Os catro cedros do Himalaia, exemplares incluídos no catálogo galego de árbores senlleiras, serán obxecto dun plan deseñado para conservalos e protexelos. Será grazas a unha subvención de 4.000 euros que achega o departamento de Patrimonio Natural da Xunta.
O proxecto de conservación ascende ata os 8.000 euros, polo que esta achega cubrirá a metade do orzamento.
Para levar a cabo esta intervención contratouse ao enxeñeiro técnico forestal Eduardo Penedo Padín, especialista en arboricultura, que ademais da poda e a revisión das ancoraxes, efectuará unha limpeza en seco e a instalación de paneis informativos.
A inspección técnica permitirá facer unha estimación detallada das ramas mortas ou deterioradas e que deban de ser eliminadas, ao tempo que porá de manifesto os vicios ou debilidades ocultos na estrutura das árbores.
Deste xeito, realizarase unha determinación por métodos visuais e, de selo caso, se así se estima oportuno, acudirase a ensaios ou análises instrumentais para efectuar unha avaliación detallada de riscos.
A inspección permitirá a identificación de patoloxías e de posibles perigos e terá en consideración os factores propios da especie e de cada exemplar: peso, densidade ou resistencia da madeira. De igual modo, estudaranse factores externos como ventos dominantes, edificacións do contorno ou os servizos con posible afección.
Os catro cedros do Himalaia sobre os que se vai intervir resultaron moi afectados por temporais pasados de vento e choiva, que danaron ás árbores nas súas copas, en especial aos dous exemplares próximos á unión entre a rúa Arquitecto de la Sota e o Paseo de Cervantes.
Por este motivo e ante necesidade de garantir a conservación das árbores e o seu bo estado fisiolóxico, levarase a cabo unha limpeza de ramas mortas e unha poda dunha intensidade moderada, tendo en conta as características non retoñais da especie, tentando conservar a vitalidade dos cedros e garantindo a seguridade na súa contorna.
Os restos da poda serán triturados progresivamente e retirados para o seu emprego como 'acolchado' noutras zonas verdes ou como estruturante para a compostaxe.
As tres árbores situadas ao sur do parque xa viñan aseguradas mediante sistemas axeitados de ancoraxe, con cordas de polipropileno trenzado con amortecedores, insercións, mangas antifricción e remates finais, mentres que a máis próxima ao estanque dos patos dispón dunha fixación con cabos de aceiro.
A intervención traza a substitución e corrección dos sistemas de suxeición, para eliminar aqueles puntos onde poida existir unha excesiva tensión sobre as ramas de ancoraxe, así como abrasións. Ademais, substituiranse aqueles cabos deteriorados ou excesivamente tensos.
O proxecto, que ten un prazo de execución previsto de cinco semanas e que precisará da asistencia dun camión grúa para levarse a cabo, completarase cunha sinalización individual de cada exemplar, así como unha destinada ao conxunto da formación.
Relacionadas:
-
O futuro do estanque do Paseo das Palmeiras: De refuxio para patos a circuíto para barcos de radiocontrol
Por Manu Otero |
-
Arranca o 'plan de choque' para mellorar o estado dos catro cedros do Himalaia da Alameda
Por Redacción |
-
O Concello contrata por 10.000 euros o proxecto de conservación e protección dos catro cedros do Himalaia
Por Redacción |
-
Aplican un novo tratamento contra o picudo vermello nas palmeiras da cidade
Por Redacción |
-
Adeus ás fochancas no paseo das Palmeiras
Por Redacción |
-
O Concello deseña un plan para a posta en valor dos cedros do Himalaia dos Xardíns de Vincenti
Por Redacción |