A Xunta reparte material informativo aos comercios con medidas de prevención na súa reapertura
Por Redacción
Coa finalidade de conseguir a reactivación económica, sempre garantindo a saúde e seguridade dos traballadores, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), elaborou e distribuíu aos sectores produtivos material específico con recomendacións para a prevención ante o coronavirus nos establecementos comerciais, dada a paulatina reapertura dos mesmos.
Esta documentación recolle unha serie de medidas que deben terse en conta na volta á actividade presencial. Entre elas, recoméndase identificar ás persoas sensibles, non acudir ao posto de traballo en caso de febre ou síntomas respiratorios e facer os desprazamentos preferentemente de xeito individual.
En canto ás precaucións que se deben contemplan nos establecementos comerciais, lémbrase a distancia de seguridade que deberá ser de dous metros entre clientes, produtos e persoal; a adopción de medidas de barreira nas zonas de atención ao público; e recoméndase controlar o aforo mediante cita previa, organizando a entrada por quendas e indicando un horario de atención preferente a maiores de 65 anos.
No tocante á hixiene e limpeza, faise fincapé no lavado frecuente de mans, evitar tocar nariz, ollos e boca, cubrir as vías respiratorias cun pano desbotable ao tusir ou esbirrar, así como limpar e desinfectar espazos frecuentemente, ventilar periodicamente, protexer o produto para evitar a súa contaminación pola exposición e manipulación e o uso de máscara hixiénica ou cirúrxica durante a estancia no comercio.
Así mesmo, recóllense instruccións de tipo organizativo, como a sinalización no chan das distancias e camiños, valorar a necesidade de apertura de probadores cun reforzo da limpeza e desinfección e fomentar o pago por medios electrónicos así como o comercio online. O Goberno galego insiste tamén na importancia de adquirir material de protección e hixienización recomendado polas autoridades sanitarias, entre o que, advirte, non se atopa o ozono.
Dentro da campaña de divulgación e información de comercio seguro, están a enviarse elementos informativos para colocar nos mostradores de todos os establecementos, onde constan estas recomendacións da Xunta, que tamén terán o seu reforzo cunha campaña en redes sociais, baixo o lema #SeguimosAdiante.