Cuntis fomenta o comercio dixital para atraer clientes ás tendas locais
Por María José Pita
O Concello de Cuntis está preparando diferentes accións de apoio ao comercio e ás tendas de proximidade. Neste labor, durante este xoves se desenvolveu unha reunión entre representantes municipais e do sector na que se pecharon varias propostas de reactivación.
Neste encontro, estiveron presentes o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; os voceiros de Veciñanza, Santiago Rodríguez, e do Partido Popular, Manuel Vázquez; a presidenta da Asociación Cuntis Comercial Vila Aberta (CUCOVA), Rebeca Rey; o concelleiro de Turismo, Martín Álvarez e técnicos municipais.
Nesta reunión tratouse a activación do portal web mercacuntis.com, que xa se atopa moi avanzado e que recolle información e datos de interese de todos os establecementos de Cuntis nunha plataforma única. A páxina, que se estreará proximamente, permitirá mediante unha consulta rápida acceder a calquera tipo de información sobre o comercio da localidade de maneira que o usuario poderá atopar facilmente calquera recurso ou produto que ofrezan os comerciantes do municipio.
Paralelamente a esta iniciativa coa que se lle pretende dar visibilidade e accesibilidade ao sector, o Concello ofrecerá apoio e asesoramento para a posta en marcha de iniciativas de comercialización dixital para aqueles establecementos que aínda non contan con elas.
Así mesmo, desde o Concello activaranse campañas promocionais tanto en internet como noutros formatos máis convencionais, co obxectivo de chegar a todos os públicos e apoiar esta aposta pola comercialización dixital e os negocios de proximidade. Nestas campañas inclúese a elaboración dun vídeo promocional e dun folleto informativo cun rueiro da vila e información sobre a localización dos diferentes establecementos, co obxectivo de darlles difusión especialmente entre a xente que non manexa habitualmente novas tecnoloxías.
Na reunión tamén se falou sobre os vales de compra que se distribuirán de maneira equitativa entre o comercio para potenciar o gasto nos establecementos da vila e estudáronse outras accións para atraer consumidores como poden ser a realización de sorteos entre a clientela.
Manuel Campos puxo de relevo o esforzo que está realizando o Concello co obxectivo de impulsar de novo a actividade no comercio local e adiantou que se "seguirá traballando nesta dinámica, contando coa participación dos partidos da oposición e coas propostas do sector, para alcanzar un programa transversal, consensuado e eficaz para a recuperación do comercio". Finalmente fixo un chamamento "ao consumo máis ca nunca no comercio de proximidade", lembrando que isto "favorece a creación de emprego, a reactivación da economía e o asentamento da poboación".
Relacionadas:
-
A metade dos núcleos rurais de Cuntis contan xa con internet de alta velocidade
Por Redacción |
-
As tendas de Cuntis únense á campaña do Comercio Seguro
Por Redacción |
-
Nace Mercacuntis, a plataforma web para realizar compras no comercio local
Por Redacción |
-
Consenso entre os grupos políticos de Cuntis para impulsar un plan de reactivación económica
Por Redacción |
-
Cuntis usa unha rede propia de comunicacións para coordinar os servizos de emerxencias
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O incansable traballo de Protección Civil de Cuntis cada noite para protexer aos veciños ante o coronavirus
Por Redacción |