Luz verde á musealización dos castros da Subidá, en Marín; e Alobre, en Vilagarcía
Por Redacción
A restauración e musealización dos tres primeiros castros galaico romanos incluídos no protocolo da Deputación e o Ministerior de Fomento xa é unha realidade despois da adxudicación que tivo lugar este miñercoles dos proxectos á empresa Patrimonio Intelixente.
Trátanse dos castros da Subidá, en Marín; Alobre, en Vilagarcía; e Toiriz, en Silleda. O orzamento total roza os 520.000 euros e o prazo de execución é de catro meses. O ministerio espera empezar a obra en xuño.
"Estas adxudicacións van permitir a xeración de actividade económica e emprego, amais de cumprimentar o obxectivo da posta en valor do noso patrimonio", destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, tras coñecerse as primeiras adxudicacións.
As obras incluirán labores relacionados coa pavimentación, dotación de mobiliario e sinalización (paneis con información histórica e cronolóxica dos asentamentos), tratamento da paisaxe e mellora dos accesos.
O proxecto de musealización do castro da Subidá, en Marín, inclúe paneis informativos desde a zona de aparcamento ata a chegada ao castro. No xacemento haberá máis información acerca dos datos que se coñecen das construcións así como da existencia doutros elementos de interese como petróglifos.
A obra do castro vilagarcián de Alobre terá un tratamento similar que o de Marín, con picas informativas que conducen ata o xacemento, onde haberá máis paneis en diversos soportes para ofrecer información sociocultural, cronolóxica ou histórica sobre o asentamento.
Desde a Deputación lembran que existen outros trece castros na provincia pendentes de ser musealizados. Sete deles están pendentes dos informes de Patrimonio da Xunta de Galicia para entrar en fase de licitación, mentres que os seis restantes están aínda en fase de redacción do proxecto.
A licitación doutros sete xacementos, A Lanzada (Sanxenxo), Penalba (Campo Lameiro), Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), Adro Vello (O Grove), Alto dos Cubos (Tui) e Cruz do Castro (Cerdedo-Cotobade), está pendente da avaliación e informe de Patrimonio da Xunta aos respectivos proxectos, que xa están redactados.
O terceiro e último lote atópase nunha fase avanzada de redacción e inclúe seis xacementos máis, situados en Taboadexa (As Neves), Troña (Ponteareas), A Trega (A Guarda), O Facho (Cangas), Cabeciña (Oia) e Castrolandín (Cuntis).
Relacionadas:
-
Varios colectivos de defensa do patrimonio rexeitan a actuación no Castro da Subidá
Por Oskar Viéitez |
-
O Pazo de Liñares será a "referencia" para o xacemento de Castrolandín
Por Redacción |
-
Mesas redondas, visitas guiadas e obradoiros completarán as actividades da exposición 'Galaicos' no Museo
Por Redacción |
-
Inician unha nova escavación arqueolóxica no castro da Subidá
Por Redacción |
-
A Deputación e Fomento musealizarán os xacementos da Lanzada, Campo Lameiro, O Grove e Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
O remate dos traballos no xacemento da Lanzada dá paso aos do Monte do Castro
Por Redacción |
-
O Castro Alobre está pendente de Fomento para a súa musealización
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento paraliza a musealización de 18 castros apelando á falta de Goberno en Madrid
Por Alejandro Espiño |