E o aplauso das oito é para... o Banco de Alimentos que sostén a 700 persoas de Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Todos e cada un dos aplausos colectivos que se realizaron desde o inicio da crise sanitaria do coronavirus estiveron cargados de emoción. Todos tiveron un significado especial para a cidadanía que os daba e para os colectivos que con eles vían un recoñecemento xusto ao seu traballo esforzado na loita sanitaria e social contra a pandemia.
Entre todos eles, no barrio de Monte Porreiro este martes escoitouse un dos que se traduciu en máis calor. As mans xuntábanas os voluntarios de Protección Civil e os usuarios do Banco de Alimentos do barrio. O recoñecemento recibíano os voluntarios que cada día fan posible este servizo que se antes de 14 de marzo era fundamental, estas últimas semanas converteuse en imprescindible.
Soou por sorpresa pasados cinco minutos das oito e alcanzou tanta forza que seguía escoitándose na mente de voluntarios e usuarios moito tempo despois. Espertou bágoas e ganas deses abrazos hoxe prohibidos para non favorecer o avance dos contaxios e, unha vez que se fixo o silencio e se retomou a repartición de alimentos entre os máis golpeados pola vida e por esta crise, seguía enchendo o ambiente.
Os ollos de Carlos Diéguez Failde, responsable do Banco de Alimentos e presidente da asociación de veciños de Monte Porreiro, seguían chorosos unha hora máis tarde. Non podía ocultar a emoción de saber recoñecido un traballo no que leva seis anos, os mesmos que leva funcionando este servizo, e que cada día permite que se alimenten 162 familias.
En declaracións a PontevedraViva, explicou que este Banco de Alimentos xurdiu fai seis anos para dar resposta a unha necesidade, "porque un par de familias viñeron pedirnos auxilio". Desde entón, non pararon. Viviron os duros efectos da recente crise económica e agora os desta pandemia, que está a ser tan "gorda" que "agora mesmo o número de familias que estamos a auxiliar dalgunha maneira estásenos incrementado nun 60% do que tiñamos".
A día de hoxe, dous meses despois do inicio do estado de alarma e os momentos duros da pandemia, están a atender a 162 familias ou, o que é o mesmo, están a axudar a case 700 persoas. Para facelo, traballan nove voluntarios desde un local cedido pola Xunta de Galicia.
Para poder facer fronte a esta demanda crecente, contan coas doazóns de entidades e particulares e coa cota que teñen asignado dos fondos da Comunidade Económica Europea que lles chegan a través de Cruz Vermella. Este traballo nada ten que ver coa Fundación Banco de Alimentos de Pontevedra, , que, segundo Carlos Failde, "non nos dá nin un gramo de alimentos" porque, segundo a explicación que asegura que lle deron unha vez, "non somos unha entidade de ámbito relixioso". Tan só nos últimos días lle fixeron chegar 40 quilos de peixe por mediación do Concello de Pontevedra.
O Banco de Alimentos Rías Baixas de Vilalonga (Sanxenxo) si lles realiza achegas, tamén lles axuda "na medida que pode" o Concello de Pontevedra e logo contan con axuda de voluntarios como, por exemplo, a pontevedresas María Rey e Marga Soliño, que conseguiron que esta semana lles doen no porto de Vigo 100 quilos de peixe ou que supermercados como Gadis lles dese un vale de compra de 500 euros.
As reparticións vanas realizando cada 15 días, citando dous usuarios cada 10 minutos para evitar as aglomeracións ou, de maneira puntual, cando conseguen alimentos frescos cuxo repartición teñen que realizar no momento e, nestas últimas semanas, notaron que o perfil do usuario cambiou "de maneira drástica" como, por exemplo, familias nas que entraban dous soldos e, de súpeto, quedáronse sen ingresos por dous ERTE.
"Aquí hai xente que leva dous meses sen ter un céntimo de ingresos e isto deulle un xiro total ao sistema que nós temos aquí", explica Carlos. Esas persoas ás que están a soster para mitigar a fame que trae esta pandemia son as que este martes quixeron darlle as grazas co pouco que non lle roubou a crise, as mans para aplaudir e a dignidade de ser ben agradecidos.
Relacionadas:
-
Cruz Vermella recibe 304 toneladas de alimentos do programa de Axuda Alimentaria
Por Redacción |
-
Fluxo constante de doazóns para o Banco de Alimentos de Monte Porreiro, que xa supera as 200 familias
Por Redacción |
-
Almorzos saudables para os máis vulnerables de Monte Porreiro: "Coidar a infancia é imprescindible"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Avigal doa 7 toneladas de polo a Cáritas
Por Redacción |
-
Sanxenxo recolle 1.650 quilos de produtos para o Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
"Eu nunca pedín nada. Antes axudaba a repartir comida e agora tócame vir a min"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A necesidade de máscaras que destapou neveiras baleiras e acabou tecendo unha rede para enchelas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |