Os nenos explican ao alcalde e ao pedagogo Francesco Tonucci as súas experiencias durante o confinamento
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Dentro da rolda de contactos que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, está a manter con diferentes sectores sociais e profesionais para analizar as necesidades derivadas da crise sanitaria, este martes foi a quenda dos nenos xa que o Concello tamén quixo que tivesen un espazo propio.
O encontro celebrouse no Teatro Principal cunha reducida (atendendo ás restricións da desescalada) representación da poboación infantil tanto da zona urbana da cidade coma do rural.
Así, María, Lucía, Candela e Nico foron os encargados de trasladar as súas experiencias tanto ao alcalde como ao pedagogo italiano Francesco Tonucci, que participou no encontro de maneira telemática.
Miguel Anxo Fernández Lores explicou con orgullo que neste momento Pontevedra revélase como "exemplo e referente urbano" para cidades que precisan adaptar os seus espazos públicos á situación post- Covid, que esixe máis espazo público dispoñible para que as persoas poidan manter a distancia social e moverse con seguridade.
Neste sentido, Tonucci díxolles aos nenos que "tedes sorte de vivir nunha cidade como Pontevedra, que xa deu pasos moi importantes que outras cidades aínda non deron, e que é un exemplo cara ao que están a mirar desde todas as partes do mundo".
Tonucci tamén aproveitou para animar aos rapaces para "ser embaixadores de Pontevedra, porque vós sodes os que coñecedes de primeira man como ten que ser unha cidade pensada para vós".
Tanto María e Lucía, veciñas da parroquia de Lérez, como Nico e Candela, residentes na cidade, coincidiron na descrición das súas experiencias do confinamento, que centraron en tres puntos: a preocupación inicial e o medo a que se contaxiasen os seus pais ou avós; a carga de tarefas escolares que cualificaron como "igual de aburridas que cando iamos ao cole"; e o uso das vídeochamadas para manter o contacto con amigos.
Neste último punto, Nico relatou a celebración telemática da festa de aniversario dun compañeiro, frustrada "porque falabamos todos á vez e non nos enterabamos de nada".
A estas experiencias, tamén sumaron outras positivas como todo o tempo que o confinamento lles permitiu pasar cos pais e as tarefas compartidas, algo que consideraron "extraordinario", e tamén coincidiron en destacar a "alegría" da volta á rúa na última semana.
Para o futuro e aínda que apuntaron que Pontevedra é unha cidade "que está moi ben", animáronse cun par de peticións: máis festas e eventos na rúa e unha zona de xogos cuberta para o inverno.
Por último, Tonucci fixo unha proposta ao alcalde para que destine unha xornada específica na que a cidade sexa só para os nenos, sen adultos, para que demostren "como son capaces de inventar xogos novos con normas novas, como manter a distancia e levar máscara". Unha proposta que Fernández Lores comprometeuse a valorar.