Pontevedra perde dúas árbores singulares
Por Redacción
A Concellaría de Parques inicia este martes a tala dunha robinia pseudoacacia da Alameda, situada a carón da avenida de Montero Ríos fronte ao Instituto Valle Inclán, dado a súa perigosidade para os viandantes. A árbore está acotada por valos e procederase a súa tala pola mañá, de tal xeito que o espazo estea perfectamente acondicionado para acoller as atraccións das festas da Peregrina.
Os técnicos da Concellaría detectaron que a árbore estaba moi descalzada e grande parte do sistema radicular está podre, polo que urxe a súa tala para evitar que se desplome. A actuación consistirá nunha tala, rama a rama, e tamén o destoconado da zona.
A continuación, o mércores, o servizo de parques e xardíns acometerá a tala do cedro do ambulatorio. Logo de realizar durante varias semanas un tratamento de choque para evitar o fungo que afectou á árbore, os técnicos comprobaron que o exemplar non respostou positivamente a esta actuación, polo que é preciso a súa tala dado que tamén corre risco de desplome.
Os técnicos municipais explicaron que o duro inverno pasado tivo unha especial incidencia nestas árbores, de certa idade, que xa tiñan algunha patoloxía de base, até o de agora controlada. O duro inverno e a primavera chuviosa afectou moi negativamente a estes exemplares acelerando estes procesos.