Cerdedo-Cotobade reactiva o servizo de recollida a domicilio de voluminosos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de reactivar, a través do servizo municipal de Medio Ambiente, a prestación de recollida a domicilio dos residuos voluminosos.
En primeira instancia, e tras a suspensión por mor da crise sanitaria do coronavirus, o Concello volveu poñer en marcha a recollida de voluminosos nos domicilios, que é gratuíta e está destinada a veciños que paguen a taxa de lixo e que deben realizar unha chamada de aviso a través dos teléfonos 986 760001 (Carballedo) ou 986 753006 (Cerdedo) de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas.
Nese contacto facilitaranse os datos do solicitante, a dirección e a relación detallada dos voluminosos para a retirada e posteriormente deberán sacarse dos domicilios na noite previa á data indicada para o servizo, evitando facelo con maior antelación por cuestións de salubridade, hixiene e imaxe.
Poden incluirse mobles, electrodomésticos, metais, pinturas ou plásticos agrícolas, entre outros, quedando prohibido que se depositen uralitas, restos de poda, pneumáticos, cascallos de obra ou residuos de empresas.
Por outra banda, o departamento de Medio Ambiente tamén vén de emprender unha campaña para lembrar á veciñanza de que o prazo para a roza das parcelas afectadas pola normativa de prevención de lumes forestais ampliouse ata o 16 de xullo pola crise do coronavirus.
Neste senso, os propietarios deben limpar as chamadas franxas de protección, fixadas nun perímetro de 50 metros con respecto a núcleos de poboación, vías públicas e equipamentos. Os donos teñen permiso, cunha declaración responsable, para desprazarse a eses predios.