Descenso de casos activos de coronavirus na área sanitaria con 123 en total, 4 deles hospitalizados
Por Diego Espiño
O número de pacientes afectados por coronavirus na área sanitaria que se curaron nas últimas horas fixo baixar o número de casos activos ata os 123, o que supón un descenso de 15 con respecto ao luns.
Así se reflicte nos datos oficiais ofrecidos este martes 12 de maio pola Consellería de Sanidade, que sinalan que o número de hospitalizacións descendeu nunha persoa, a que permanecía ingresada no Salnés. Desta forma seguen evolucionando 3 pacientes no Hospital de Montecelo e 1 máis no QuirónSalud Miguel Domínguez, todos eles en planta, mentres que 119 dos casos atópanse nos seus domicilios.
Desde o inicio da alerta sanitaria curáronse en Pontevedra e O Salnés un total de 694 pacientes de Covid-19, o que supón 18 máis que o día anterior, mentres que a cifra de falecidos mantense estable en 16.
A nivel autonómico, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.322. Deles 530 son da área da Coruña, 133 da de Lugo, 362 da de Ourense, 626 da área de Vigo, 461 da de Santiago, e 87 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 25 permanecen en UCI, 166 están en unidades de hospitalización e 2.131 no domicilio. Polo de agora, hai un total de 7.820 persoas curadas, rexistrándose 595 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 117.001 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais da comunidade supoñen o 1,2% do total das persoas residentes. En toda Galicia contabilízanse 314 usuarios e 213 profesionais contaxiados en centros residenciais e produciuse 132 falecementos en residencias e 137 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns respecto diso e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
A área sanitaria baixa do centenar de casos activos por coronavirus por primeira vez desde o 20 de marzo
Por Diego Espiño |
-
Balance de coronavirus na área sanitaria: 110 casos activos e 3 persoas hospitalizadas
Por Diego Espiño |
-
Un paciente hospitalizado máis e catro casos activos menos: o balance do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Os hospitalizados por coronavirus volven subir na área sanitaria: catro pacientes ingresados en planta
Por Natalia Puga |
-
Cinco casos activos de coronavirus máis que o venres cun único hospitalizado no Domínguez
Por Diego Espiño |