A Policía detecta un incremento das estafas relacionadas co coronavirus
Por Oskar Viéitez
A Policía Nacional vén de emitir un comunicado dirixido aos maiores da provincia de Pontevedra a quen aconsella que extremen os coidados á hora de manter contactos con persoas ás que non coñezan e queren aproveitarse deles na alarma sanitaria.
Enumera unha serie de precaucións para "evitar ser vítimas de estafas" e insisten en que non abran a porta nin deixen entrar ao seu domicilio "a persoas que manifestan pertencer a empresas de subministracións do fogar se non o solicitaron, nin a quen escusa ser técnicos, médicos ou enfermeiros que acoden a realizar a proba do coronavirus, a distribuidores de máscaras ou luvas que digan representar á administració ou os que din ser repartidores de alimentos dunha gran superficie.
Tamén instan as persoas maiores a que desconfíen daquelas persoas que lle ofrecen remedios milagrosos contra o coronavirus e que non proporcione datos persoais nin datos bancarios a través do teléfono a descoñecidos.
A Policía detectou que os delincuentes se están facendo pasar por persoal do Imserso para coa escusa de xestionar a devolución das cantidades abonadas en concepto das viaxes programadas que agora se atopan suspendidos, obter de forma fraudulenta os datos persoais e bancarios para estafarlles a posteriori.
Mesmo teñen constancia de estafadores que acoden aos domicilios particulares facéndose pasar por empregados dunha empresa para ofrecerlles a posibilidade de instalar un xeolocalizador por tan só tres euros ao ano. A intención unha vez máis é obter datos persoais e bancarios.