O rexistro e o padrón municipal inician a súa mudanza temporal á Casa da Luz
Por Alejandro Espiño
As obras de remodelación da planta baixa do edificio municipal de Michelena 30, que se farán para adoptar as novas medidas de seguridade e distancia social na atención ao público, comezarán o próximo luns 18 de maio. Isto provocará o traslado de varios servizos.
É o caso do rexistro municipal e do padrón de habitantes, os servizos que máis consultas recibe por parte dos cidadáns, que ata que se complete esta remodelación, que ten un prazo de execución de dos meses, estarán situados na Casa da Luz.
A mudanza destas dúas unidades xa está en marcha co traslado do mobiliario das oficinas.
A empresa pontevedresa Dapercons executará esta reforma da planta baixa de Michelena 30 por un prezo de 164.560 euros, segundo detallou a portavoz municipal, Anabel Gulías.
A reforma contempla a adaptación ás novas medidas de seguridade xurdidas no marco da crise sanitaria, ao tempo que se implementarán fórmulas como a cita previa e a atención por videoconferencia naqueles casos que sexa posible.
Estas obras contemplan ademais a separación de accesos, cun acceso específico para os servizos de rexistro e padrón de habitantes e outro independente para o resto das dependencias do inmoble.
Outras medidas serán a individualización dos postos de traballo para respectar as distancias e posibilitar a atención de máis persoas en condicións de seguridade, a ampliación do espazo de espera e a mellora dos fluxos de circulación na planta.
Anabel Gulías lembrou que esta actuación foi tramitada por procedemento de emerxencia e pediuse orzamento a tres empresas da cidade. A celeridade coa que se prevé levar a cabo obedece, segundo o Concello, á necesidade de priorizar a seguridade dos traballadores públicos e dos cidadáns que fan uso presencial dos servizos municipais.
Relacionadas:
-
As citas previas para o Rexistro e o Padrón xa están completas para os primeiros días
Por Alejandro Espiño |
-
As dependencias municipais de Michelena 30 adáptanse de cara a apertura ao público
Por Oskar Viéitez |
-
As novas dependencias municipais na rúa Ferreiros abrirán ao público no primeiro trimestre do ano
Por Redacción |