O Concello incumpriu a Lei de Estabilidade Orzamentaria ao saltarse a regra de gasto en 2,6 millóns
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
O grupo municipal do PP de Pontevedra revelou este luns que, tras ter acceso ao informe de liquidación do orzamento de 2019 do Concello, puido saber que se incumpriu a Lei de Estabilidade Orzamentaria e, por tanto, a administración local pasará a estar "tutelada" polo Ministerio de Facenda e a Xunta de Galicia, cos consecuentes prexuízos desta medida.
O concelleiro do PP Gerardo Pérez Puga compareceu este luns ante os medios de comunicación de forma telemática para analizar as consecuencias que provocará deste informe, que o seu partido pediu a semana pasada ao goberno local e foille facilitado o pasado venres. Así, deu a coñecer que o Concello vese agora obrigado a elaborar un plan económico financeiro para cumprir a lei de estabilidade.
Ese informe sobre o exercicio 2019 do departamento de Intervención é o que confirma o incumprimento de Lei de Estabilidade Orzamentaria e tamén o motivo: o Concello saltouse a regra de gasto en 2.619.631,86 euros, polo que deberá detallar ás administracións tutelantes que medidas se tomarán no presente exercicio e en 2021 para cumprir a lei.
Pérez Puga móstrase moi crítico coa actitude do Concello ao ocultar este dato aos grupos da oposición durante semanas, pois xa o coñecían desde mediados de marzo. "Non entendemos por que o concello non nos informou de nada", sinala, e á vez que valora que esta información recentemente coñecida "deixa en moi mal lugar a Lores porque só hai uns días falaba nos medios de comunicación criticando que a Lei Montoro impedía cumprir a regra de gasto".
Así, cuestiona o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores "omitiu o dato fudamental" e é que "no peor momento", pola situación xerada pola crise sanitaria do coronavirus, o Concello ten que facer o citado plan, por "dous incumprimentos moi graves" e, ademais estará tutelado pola Xunta, que, á súa vez, enviará o documento a Facenda.
Esta tutela implicará que haxa "atrasos en calquera toma de decisión que afecte o orzamento", por iso é polo que Gerardo Pérez Puga fale de que chegou no peor momento, pois "estamos no medio dunha pandemia que require que haxa que tomar decisións urgentísimas".
O concelleiro do PP recoñece que o Concello ten "moito diñeiro" en contas e un remanente de tesourería importante, de modo que non é unha cuestión de diñeiro para gastar, senón de como gastalo e "deixa en mal lugar" todas as explicacións económicas dadas polo goberno local nos últimos anos.
As consecuencias son "graves e delicadas", asegura Pérez Puga, que indica que haberá que levar a pleno a aplicación deste plan e que, como consecuencia de que o Concello ocultou o dato ata o de agora, todo se atrasará un mes, pois, se se anunciase en marzo e se celebrase un pleno telemático en abril, poderían "anticiparse un mes a todas as medidas a adoptar".
O PP reclama a creación dunha mesa para abordar a necesidade de refacer todo o orzamento municipal deste ano e elaborar ese plan, que logo deberá ter o visto e prace da Xunta e o Ministerio. Ademais, Pérez Puga lembrou este luns as propostas económicas e sociais que o seu partido realizou nas últimas semanas e ofrécese a debater e acordar co Goberno local todo o traballo a realizar a partir de agora.
"Ofrecémonos a Lores para sentarnos nunha mesa e facer un gran pacto para Pontevedra", indicou Pérez Puga, que asegura que desde o seu partido queren "arrimar o ombreiro porque é o momento no que máis nos necesitan os cidadáns de Pontevedra". Con todo, "pasan os días e nin Lores nin o seu equipo descolgaron o teléfono".
Entre outras medidas urxentes, ven a necesidade de dar axudas directas a familias, comerciantes, autónomos e hostaleiros e aprobar un paquete económico e social que aborde a todos os sectores: cultural, deportivo, social e económico.
O CONCELLO NEGA QUE SE OCULTASE
Desde o goberno municipal recoñecen incumprir o teito de gasto neses 2,6 millóns, pero difiren do PP na interpretación desta medida e aseguran que non houbo "ánimo de ocultalo" porque ese documento entregouse xa hai un mes á oposición.
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, asegura que o Concello non incumpriu as regras de estabilidade, que si obrigarían a que a Xunta e o Ministerio de Facenda tutelasen as contas municipais. "É unha cuestión puntual", asegurou.
O goberno municipal, segundo González, terá que xustificar onde se produciu ese desfasamento de 2,6 millóns e explicar como reequilibrará o orzamento actual "para non entrar en débeda". Isto, aclarou o edil do BNG, non supoñerá adoptar ningunha "medida adicional".
Tras destacar que "non é a primeira vez" que se fai un plan destas características, o responsable de Facenda sinalou que este trámite non terá "practicamente ningunha implicación", xa que os prazos administrativos están en suspenso polo estado de alarma.
Ademais, defendeu que o orzamento municipal é " suficiementemente amplo" para que o Concello non deba recorrer a modificacións de crédito para financiar servizos esenciais.
Relacionadas:
-
O Concello ve "inservible" a decisión do Goberno de suspender a regra de gasto para o que queda do 2020
Por Redacción |
-
O PP reclama ao Goberno que permita aos concellos usar os seus aforros para paliar os efectos da crise
Por Redacción |
-
O Goberno local aproba o Plan Económico-Financeiro coa abstención da oposición e pasa páxina: "non hai caso"
Por Natalia Puga |
-
O plan económico financeiro do Concello de Pontevedra "non é nin un pecado venial"
Por Oskar Viéitez |