Feijóo propón ao Goberno a apertura dos comercios de máis de 400 metros con limitacións de espazo e aforo
Por Natalia Puga
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Feijóo, volveu a criticar a xestión realizada polo Goberno central en relación co proceso de desescalada do confinamento polo coronavirus, pois considera que "publicar nunha tarde cantidades de normas que hai que aplicar ao día seguinte non xera confianza" e realizou propostas para a fase 1 que se aplicará a partir deste luns 11 de maio en toda Galicia.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación tras a Conferencia de Presidentes de todos os domingos, Feijóo indicou que lle trasladou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que se permita a apertura dos locais comerciais de máis de 400 metros cadrados limitando o seu espazo a ese tamaño. "Pódese obrigar que a superficie que abre teña 400 metros", propuxo, á vez que lembrou que na maioría de países da Unión Europea pódense abrir este tipo de comercios e referiuse, por exemplo, a almacéns de material de construción, gandería ou agricultura, que ocupan grandes superficies, pero poderían abrir só eses 400 metros.
En relación coa apertura do pequeno comercio, lembrou que os comerciantes teñen preocupación sobre os sistemas que permitan o reconto e control do aforo.
Entre as críticas de Feijóo á xestión do Goberno figuran a súa postura en relación coa reapertura de centros de días de persoas con discapacidade e maiores, pois se aprobou no BOE publicado este sábado e el considera "imposible" que o luns estean preparados para abrir en condicións de seguridade con tan pouca marxe.
Respecto diso, xa adiantou que a Xunta non abrirá estes centros en Galicia este luns, pois "é unha poboación vulnerable e non imos improvisar dun sábado para un luns". En relación con estes centros, pediron aos especialistas en xeriatría e atención primaria un protocolo para reabrir e que o asunto se abordará este luns nunha reunión do comité clínico para a posible apertura esta semana.
Feijóo pediu coñecer con anticipación os criterios para as distintas fases, en concreto, pensando na fase 2, que, se se cumpren os requisitos, podería aplicarse en Galicia dentro de dúas semanas e trasladou a Pedro Sánchez a necesidade de que se permita a pesca e a caza e da apertura dos pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal. En relación con este último punto, indicou que Portugal está a abrir con maior celeridade con Galicia e que é recomendable regular a Euroregión para ter pasos transfronteirizos "máis permeables".
Entre as súas propostas ao presidente do Goberno incluíu a necesidade de avanzar nas directrices de educación para o próximo curso.
A preguntas dos medios tamén aclarou que, de momento, non hai data para as eleccións autonómicas galegas, aprazadas por mor da crise sanitaria e para cuxa celebración tería o camiño máis fácil tras o BOE publicado este sábado. Feijóo aclarou que unha vez que coñeza o resultado do estudo epidemiolóxico e dos informes encargados reunirá aos partidos políticos para abordar a convocatoria electoral.
Relacionadas:
-
Así será a fase 2 da desescalada: apertura de cinemas e teatros, gozar das praias e ata celebración de vodas
Por Diego Espiño |
-
Piden aos pontevedreses "especial prudencia" na rúa ante a desescalada
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta declara loito oficial durante todo o mes de maio polas vítimas do coronavirus
Por Redacción |
-
Feijóo propón unha desescalada por áreas sanitarias
Por Oskar Viéitez |
-
As eleccións non están na axenda de Feijóo, que pedirá que se poida saír a facer deporte de forma individual
Por Natalia Puga |
-
Feijóo dá por superada a fase aguda da crise e pide levantar restricións por territorios
Por Oskar Viéitez |