14 persoas necesitaron atención médica por agresións e cortes nas noites de peñas
Por Redacción
A Policía Local non interveu en "ningún incidente salientable" vinculado á celebración das dúas primeiras noites de peñas da Peregrina 2013 e a Policía Nacional sinala que o fin de semana foi "normal". Malia este balance, os servizos sanitarios da cidade si tiveron un intenso traballo durante o sábado e o domingo. Atenderon a 14 persoas feridas e a 20 con intoxicacións etílicas.
Segundo informaron dende o Servizo Galego de Saúde, o maior volume de traballo concentrouse na tarde e noite do sábado. A media de idade das persoas atendidas no Hospital Montecelo e o Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda está entre os 18 e 24 anos.
Ese día na Parda atenderon a 16 persoas por unha inxestión excesiva de alcohol que rematou en intoxicación e a seis que presentaban cortes.
Ese mesmo día foron trasladados ao Hospital Montecelo seis mozos por intoxicacións etílicas, dos que dous eran menores de idade, e dúas persoas requiriron atención sanitaria por verse implicadas en agresións.
Hai constancia dunha liorta con 20 implicados na rúa Michelena, pero só puido identificarse a unha persoa
O domingo a tarde e a noite foron máis tranquilas. No PAC da Parda non tiveron ningunha urxencia vinculada coas festas de peñas e en Montecelo non houbo ningunha intoxicación etílica e foron atendidas seis persoas por agresións. Cinco destes feridos recibiron a alta e un sexto permanece hospitalizado, pero evoluciona de forma favorable.
O balance de tranquilidade da Policía Local realizouno este luns o voceiro do Goberno Local, Raimundo González. No caso da Policía Nacional, dende a Comisaría saliéntase que si recibiron abundantes chamadas de persoas que alertaban de que se estaba a producir unha pelexa, pero non tiveron que intervir en ningunha. A tónica dominante foi que cando chegaron os axentes a liorta disolveuse.
Entre as chamadas de cidadáns por pelexas na rúa resalta a realizada por un enfrontamento entre unhas 20 persoas na rúa Michelena na noite do sábado, en que só logrou identificarse a un dos implicados. Tamén houbo varias alertas por liortas no Campiño e a avenida de Santa María.