Detido por ameazar cun coitelo e un desaparafusador a varios mozos na primeira noite de 'peñas'
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra de 36 anos con antecedentes policiais foi identificado e detido na madrugada de sábado a domingo, durante a primeira xornada de 'peñas', como presunto autor dun delito de roubo con intimidación nas inmediacións da Praza do Teucro, punto de reunión de multitude de 'peñistas'.
Os feitos sucederon sobre as 3:00 horas da madrugada, cando a Policía Nacional de Pontevedra recibiu unha chamada na que se comunicaba que se acaba de producir un roubo.
Unha vez desprazadas varias patrullas ao lugar os mozos alí presentes aseguraron que un individuo ameazaba os presentes primeiro cun coitelo e despois cun desaparafusador esixíndolles diñeiro.
Os axentes localizaron nunha rúa próxima ao home en cuestión, ao que incautaron un total de 350 euros, entre eles os 20 que acababa de subtraer a unha moza, ademais do coitelo e o desaparafusador.
Unha vez tramitado o atestado policial, o detido foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra.