Segunda condena ao dono dunha roulotte por roubar luz dun farol de Monte Porreiro
Por Redacción
O xulgado condenou por segunda vez nunha semana un home por roubar enerxía eléctrica para subministrar a súa roulotte na rúa Alemaña de Monte Porreiro. Está considerado como autor dunha falta de defraudación de electricidade.
O home fora condenado polo Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra a un mes de multa a razón de 6 euros diarios. Unha nova resolución imponlle agora unha multa dun mes a dez euros ao día, isto é, 300 euros.
O home foi 'cazado' por segunda vez porque a Policía Local acudiu ao lugar para comprobar se cumpría a resolución xudicial. Ao chegar, os axentes comprobaron que seguía coa conduta pola que o condenaran.
O home ten aparcada unha caravana na rúa Alemaña na que vive habitualmente. Para ter subministración electrica conéctase a un farol de iluminación pública.
A través dun empalme que realizou conectando a súa caravana-vivenda a un farol "estaba a servirse electricidade, que lle permitía ter luz e aparatos varios en funcionamento", dicía o primeiro atestado policial. O segundo atestado, realizado nos últimos días, confirma que persiste na súa actuación.