Protestas do persoal de ambulancias nas súas bases reclamando test

Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada

© FGAMT-CIG

© FGAMT-CIG
Decenas de traballadores do sector das ambulancias de colectivo que suma a 160 traballadores entre as bases situadas nas comarcas de Pontevedra, O Salnés e Deza realizaron actos simbólicos de protesta durante este venres 8.
Con estas accións reclaman que se realicen probas ao persoal que realiza os diferentes servizos de ambulancia. Xabier Aboi, representante de FGAMT-CIG, afirma que estes traballadores levan desde o primeiro día sendo o primeiro contacto con pacientes positivos da Covid-19 con casos nos que chegaron a recoller a unha ducia de contaxiados nun día.
Por este motivo, moitos destes empregados teñen que vivir sen contacto coas súas familias, ao descoñecer o grao de infección entre este sector. Aboi indica que só se realizaron cinco probas aos profesionais de ambulancias para comprobar se eran positivos nesta zona sanitaria.
Ante esta situación, as bases de distintos puntos da zona norte da provincia ofrecían a imaxe desta protesta de traballadores portando carteis reclamando á Xunta que os considere persoal sanitario. Neste sentido, Aboi indica que o SERGAS lle fai a proba no caso das ambulancias medicalizadas ao persoal médico e á enfermeira pero non aos dous técnicos que acompañaban.
O representante sindical lembra que neste sector empregáronse máscaras defectuosas e traballouse, en moitos casos, sen os equipos de protección individual adecuados. Entende que é necesario realizar de inmediato os test serolóxicos e de PCR ao persoal en previsión de novos contagios tanto entre os traballadores como ante os usuarios.
Aboi considera "irresponsable" a actitude por parte da Consellería de Sanidade ao poñer en risco a este persoal e desprezando o compromiso que estes traballadores demostraron desde o inicio da pandemia. E pregúntase como Núñez Feijóo pode presumir de xestión desta crise cando o persoal das ambulancias traballa sen coñecer se están contaxiados ou contaxiando a outras persoas.
VERSIÓN DO SERGAS
Según un comunicado emitido polo SERGAS, desde o inicio da pandemia fixéronse test sobre o coronavirus aos técnicos en emerxencias sanitarias en función dos criterios individuais de cada situación.
Sinalan que os técnicos en transporte sanitario son considerados como profesión esencial e afirman que se lles dá prioridade á hora de realizar as probas cando presentan algún síntoma.
Tamén apuntan que se lle realizou o test a todos os técnicos en transporte sanitario que empregaron máscaras FFP2, que non cumprían coas especificacións indicadas polo fabricante. E sinalan que estas máscaras procedían dun lote enviado polo goberno central.
Manteñen que, a día de hoxe, están a realizar probas a todo o persoal técnico que, malia non presentar síntomas, estivo asistindo e trasladando pacientes sospeitosos ou confirmados de estar afectados pola Covid-19. E manifestan que o obxectivo é testar a todo o persoal de forma progresiva ao longo das vindeiras semanas.
Persoal de ambulancias reclama test para saber o grao de contaxios no sector
Traballadores do servizo de ambulancias de Pontevedra, O Salnés, O Grove, Portonovo, Lalín, A Estrada, Cambados, Caldas e Silleda concéntranse nas súas bases para manifestar a súa protesta ante a falta de test
© FGAMT-CIG
Relacionadas:
-
O colectivo de ambulancias esixe melloras no traslado de pacientes a Montecelo
Por Redacción |
-
Denuncian "escurantismo" por parte de Sanidade no novo concurso do servizo de ambulancias convencionais
Por Redacción |
-
Os técnicos de ambulancias esixen facerse probas para descartar positivos por Covid-19
Por Redacción |
-
Técnicos de Emerxencias Sanitarias reclaman test do Covid-19 ao ser o primeiro contacto con posibles contaxiados
Por Redacción |
-
A CIG pide que se fagan test a todos os traballadores de ambulancias
Por Oskar Viéitez |
-
Reclaman equipos de protección individual axeitados para o persoal de atención primaria
Por Redacción |