Consenso entre os grupos políticos de Cuntis para impulsar un plan de reactivación económica
Por Redacción
Este mércores 6 de maio tivo lugar unha reunión telemática entre os voceiros dos grupos políticos que conforman a Corporación Municipal de Cuntis. Participou por parte do Goberno local e como voceiro do PSdeG-PSOE, o alcalde, Manuel Campos; Santiago Martínez por parte de Veciñanza; e Manuel Vázquez en representación do Partido Popular.
No encontro realizouse unha posta en común entre as propostas achegadas polas tres partes. A coincidencia entre as medidas facilitou que se alcanzasen acordos que posibilitarán a próxima posta en marcha dun plan de reactivación económica e protección social que dea unha resposta ás necesidades xurdidas como consecuencia da crise sanitaria polo coronavirus.
Como primeiro paso, nesta reunión telemática xa quedaron aprobadas varias medidas, tanto de carácter económico e fiscal como de prevención e protección social.
Acordouse a bonificación de todas as taxas municipais aos establecementos ou negocios que se viron afectados pola crise sanitaria, así como a negociación co ORAL dun calendario fiscal adecuado ás actuais necesidades. Tamén se acordou a suspensión durante un ano da taxa de terrazas e o aumento dos espazos públicos para a súa colocación sen custe adicional para o establecemento e sempre respectando o espazo peonil suficiente para a seguridade da poboación.
No marco das medidas de promoción e potenciación dos sectores do comercio e hostalería, tratarase de activar no prazo aproximado dun mes unha campaña de vales de compra para fomentar o consumo no pequeno comercio, en resposta a unha proposta trasladada ao Concello desde o propio sector.
Cuntis traballa tamén na creación da páxina web mercacuntis.com, onde se incluirá información de interese de todos os comercios e dende a que se poderá acceder aos contidos propios de cada establecemento. Tamén se impulsará a creación de portais dixitais de venda online para todos os locais que aínda carecen deste servizo. Así mesmo, activaranse políticas de promoción do turismo de proximidade e de natureza para a atracción de visitantes.
De aplicación inmediata serán as medidas para favorecer unha correcta información e seguridade no comercio e na hostalería durante o denominado proceso de desescalada. O Concello proverá nos próximos días a todos os establecementos de xel hidroalcólico e de máscaras protectoras para facilitar a seguridade da clientela e do persoal. Tamén se realizará a cartelería informativa necesaria e se proporcionará o material de sinalización, como o de distancias de protección ou zonas de espera, sen custo para o sector.
Dende o Concello reitérase que un dos eixos irrenunciables do programa é o relacionado coa protección e a atención social. Neste sentido, acordouse continuar coas liñas de axuda directa a familias en situación de emerxencia ou dificultade social por mor da crise sanitaria e a activación dun programa de asesoramento para orientar ás persoas que o necesiten no proceso de solicitude e acceso ás diferentes prestacións das administracións estatal ou autonómica.
Finalmente, pactouse axilizar os pagos a provedores co obxectivo de favorecer a liquidez nas empresas que subministran ou prestan servizos ao Concello.
Relacionadas:
-
As tendas de Cuntis únense á campaña do Comercio Seguro
Por Redacción |
-
Cuntis fomenta o comercio dixital para atraer clientes ás tendas locais
Por María José Pita |
-
Cuntis proporciona axudas municipais de emerxencia social a 40 familias
Por Redacción |
-
Aquí non hai horarios para pasear ou facer deporte
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis usa unha rede propia de comunicacións para coordinar os servizos de emerxencias
Por Redacción |