Dous traballadores sofren queimaduras nun accidente laboral en Ponte Caldelas
Por Redacción
Ás 10:18 desta mañá do luns 5 de agosto, dous operarios resultaban feridos tras producirse unha explosión dun transformador eléctrico no lugar de Vilarchán situado na parroquia de Tourón en Ponte Caldelas. Os traballadores encontrábanse manipulando o transformador e, por causas aínda por esclarecer, o transformador estalou causando queimaduras a un dos operarios nunha man mentres que o compañeiro sufría tamén queimaduras no coiro cabeludo e no rostro, segundo informaba o servizo de emerxencias do 112 que fora alertado por un particular.
Non chegou a producirse un incendio e ata o lugar de Tourón desprazáronse unha ambulancia de Urxencias Médicas e unha dotación da Garda Civil. Os dous operarios foron trasladados a un centro hospitalario.
MAN ATRAPADA EN MARÍN
Tamén esta mañá, ás 7:45 rexistrábase outro suceso. Nesta ocasión, segundo informaba o 112, o accidente sucedía no porto deportivo da Autoridade Portuaria de Marín cando a un home lle quedaba atrapada unha das súas mans nun motor dunha embarcación. O ferido de 47 anos intentaba baixar a lancha á auga cando se enganchou a man. Ata o lugar trasladáronse efectivos da policía, de Protección civil e unha ambulancia que trasladou ao ferido ao Hospital Montecelo.