A loita contra o lume contará a partir do luns con 48 brigadas terrestres en Pontevedra
Por Redacción
O Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia reforzarase a partir do vindeiro luns 11 de maio coa incorporación de novo persoal que permitirá aumentar os medios dispoñibles para a loita contra o lume durante o próximo medio ano e que a provincia de Pontevedra conte con 48 brigadas terrestres.
O persoal de nova incorporación, dependente da Consellería do Medio Rural, permanecerá en activo durante seis meses da época de maior risco de incendios, ata o 10 de novembro.
En total, 984 traballadores fixos descontinuos distribuídos en distintas categorías profesionais comezarán a traballar en toda Galicia.
A maioría dos contratados serán bombeiros forestais, un total de 830 e a meirande parte deles na categoría propia de bombeiro forestal pero tamén nas de xefe de brigada, peón e condutor de motobomba ou brigada helitransportada. A maiores, comezarán a traballar 73 vixilantes fixos, 69 emisoristas, 6 técnicos e 6 operadores codificadores.
Coa incorporación do persoal fixo descontinuo de 6 meses despregaranse en toda Galicia un total de 137 brigadas terrestres e Pontevedra será a provincia con máis medios. Por provincias, 48 operarán en Pontevedra, 31 en Ourense, 29 na Coruña e outras 29 en Lugo.
Relacionadas:
-
A Xunta reforza o dispositivo de prevención e control de incendios forestais durante o verán
Por Redacción |
-
Os bombeiros forestais alertan do risco das queimas agrícolas, que provocaron dous incendios esta semana
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
Os concellos reciben a subvención da Xunta para contratar persoal dedicado á prevención de incendios
Por Redacción |