Cazan once condutores ebrios e nove drogados durante a ponte do 1 de maio
Por Redacción
A pesar de que o coronavirus limitou os desprazamentos, as autoridades non baixan a garda á hora de interceptar a condutores que poidan ser un risco para a seguridade viaria. Así, a Garda Civil sorprendeu once condutores ebrios e nove drogados durante a pasada ponte do 1 de maio.
Os controis realizados durante eses días tiñan unha dobre finalidade. Por unha banda, controlar o cumprimento das restricións impostas polo estado de alarma e, por outro, sacar da circulación a aqueles condutores que habían bebido ou consumido alcol ou drogas,
Efectivos do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra realizaron un total de 116 probas para vixiar o consumo de substancias psicoactivas.
Un total de 107 foron probas de detección de alcol, nas que once condutores deron resultado positivo. Deles, nove foron denunciados por vía administrativa e os dous restantes por vía xudicial, ao superar a taxa de 0,60 mg/l. en aire inspirado.
Un deles foi en Vilaboa, concretamente na PO-551, no tramo de Marín a Rande. Alí, os axentes sorprenderon a un veciño de Bueu con evidentes síntomas de conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas.
As probas confirmaron as sospeitas da Garda Civil e o condutor arroxou senllos resultados positivos con taxas de 0,94 e 0,98 mg/l, case catro veces máis do permitido.
Ademais, tamén foi denunciado por quebrantar o confinamento establecido tras o estado de alarma, xa que non acreditou que o desprazamento estivese xustificado.
No marco do mesmo dispositivo, tamén se detectaron a nove condutores que deron positivo por consumo de estupefacientes, resultados todos eles pendentes de validar polo informe do laboratorio.
A lei prohibe, lembra a Garda Civil, conducir con presenza de drogas no organismo do condutor, quedando excluídas as substancias que se utilicen baixo prescrición facultativa e cunha finalidade terapéutica. Esta infracción catalogada como moi grave está castigada cunha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos.