Cuntis proporciona axudas municipais de emerxencia social a 40 familias
Por Redacción
A finais do mes de marzo, o Concello de Cuntis puxo en marcha un programa de apoio a familias ou persoas con dificultades económicas ou en situacións de especial vulnerabilidade provocadas ou agravadas polo estado de alarma decretado polo Goberno central.
O programa municipal de axudas directas a familias con dificultades socioeconómicas provocadas pola emerxencia da COVID-19 atendeu xa a 40 familias do concello. Trátase dun plan pioneiro que se financia a través da asignación extraordinaria da Deputación de Pontevedra para a prestación de servizos básicos ante a emerxencia sanitaria.
Nesta primeira fase, o programa está dotado con 10.000 euros. O alcalde, Manuel Campos, lembra que as axudas seguen en plena vixencia e que calquera familia que cumpra as condicións pode formular a súa solicitude a través dos correos electrónicos servizossociais@concellodecuntis.es ou educacionfamiliar@concellodecuntis.es.
Para máis información, as persoas interesadas tamén poden chamar aos teléfonos: 986 185 468 ou 986 185 723 de 09.00 a 14.00 horas.
Deberanse achegar nas solicitudes os datos persoais de todas as persoas que integran a unidade familiar de convivencia así como datos que acrediten o empadroamento ou a residencia habitual en Cuntis e outros de carácter económico relativos aos ingresos.
Dada a excepcional situación, a acreditación documental poderá realizarse mediante a presentación de fotografías da documentación, ou a través doutros medios dispoñibles. Unha vez presentada a solicitude, no prazo máximo de 3 días, esta será avaliada polos Servizos Sociais municipais, para a súa concesión ou denegación en base ao regulamento.
A axuda económica faise efectiva mediante a retirada de produtos básicos (alimentación, hixiene persoal, hixiene do fogar e farmacéuticos) dos distintos establecementos de alimentación, hixiene e farmacias ata o límite do importe establecido en función do número de persoas que integren a unidade familiar. As axudas establécense en 100 euros para 1 persoa e 150 euros para dúas persoas, cun incremento adicional de 30 euros por persoa que integre a unidade de convivencia.
A concelleira de Benestar Social, Ana Loureiro, destaca que "a atención social está sendo unha prioridade para o goberno de Cuntis durante o estado de alarma". Por iso, expresa o seu agradecemento en nome do Concello á Deputación de Pontevedra "por impulsar unha liña de axudas que permita aos concellos activar medidas como a presente coa que poder dar unha resposta axeitada as moitas necesidades que xorden neste escenario de pandemia e, especialmente, para prestar a mellor atención as persoas maiores e colectivos máis vulnerables".
Ademais do programa municipal de axuda ás familias en dificultade, o Concello de Cuntis, dentro do ámbito dos Servizos Sociais, tamén activou plans de seguimento a persoas maiores ou de reparto de documentación escolar a domicilio, entre outros.
Relacionadas:
-
Cuntis convoca axudas de 120 euros para mercar material escolar para nenos entre os 3 e os 5 anos
Por Redacción |
-
Cuntis investiu este ano 105.000 euros en programas educativos e axudas ao estudo
Por Redacción |
-
Datos especifícos de contaxios en cada municipio, petición do alcalde de Cuntis á Xunta
Por Redacción |
-
Consenso entre os grupos políticos de Cuntis para impulsar un plan de reactivación económica
Por Redacción |
-
Cuntis usa unha rede propia de comunicacións para coordinar os servizos de emerxencias
Por Redacción |
-
Deberes a domicilio para os maiores de Cuntis: "Creme se che digo que as fichas para cubrir me deron a vida"
Por María José Pita |
-
Cuntis e Caldas manteñen activo un servizo de apoio e asesoramento laboral ante a crise sanitaria
Por Redacción |